O pasado luns 26 de novembro, un grupo de estudantes de francés do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) desprazouse á capital da provincia para ver unha obra de teatro na lingua gala: L'avare. Aproveitaron tamén para dar un pequeno paseo á beira do Miño e, logo de xantar en Allariz, retornaron a Viana cunha experiencia máis que nos contar.
O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo
venres, 30 de novembro de 2012
xoves, 29 de novembro de 2012
Misión LIPDUB
Alá imos!!
No IES Carlos Casares vaise realizar un Lipdub colectivo, como proxecto de centro, para o 2º Trimestre, coa colaboración de alumnado, profesorado, persoal, etc.
Un "Lipdub" ("dobraxe de beizos") é un vídeo musical feito nunha soa toma, nun plano secuencia, na que os participantes van realizando diversas accións (bailes, teatralizacións, empregando o que cada un saiba facer e incluso disfraces, movemento coordinados, etc.) mentres fan playback da canción elixida, e que vai soando ata que remata a gravación. Despois, na edición final, incorpórase a canción como banda sonora.
No IES Carlos Casares vaise realizar un Lipdub colectivo, como proxecto de centro, para o 2º Trimestre, coa colaboración de alumnado, profesorado, persoal, etc.
Un "Lipdub" ("dobraxe de beizos") é un vídeo musical feito nunha soa toma, nun plano secuencia, na que os participantes van realizando diversas accións (bailes, teatralizacións, empregando o que cada un saiba facer e incluso disfraces, movemento coordinados, etc.) mentres fan playback da canción elixida, e que vai soando ata que remata a gravación. Despois, na edición final, incorpórase a canción como banda sonora.
sábado, 24 de novembro de 2012
Conmemoración do 25N
Ovidio V. | Coma cada ano dende que somos conscientes de que fai falla, o 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. No IES Carlos Casares de Viana, neste 2012 que xa chega ao seu final, e con tal motivo, recibimos unha visita moi especial: tres mulleres que diariamente loitan por un mundo máis igualitario, onde desapareza todo tipo de discriminación. Son Ana García, ben coñecida no IES por outras campañas de Axuda en Acción e Carla Padilla e Meyling Aguilar, ambas do Instituto de Liderazgo de Las Segovias (Nicaragua).
xoves, 22 de novembro de 2012
Homenaxe a Casares na Biblioteca Penzol
Carlos Casares |
Carlos F. | No día de hoxe, 22 de novembro, tivo lugar un relevante acto cultural,
organizado pola Fundación Fermín Penzol de Vigo e a Fundación
Carlos Casares, na que se rendeu homenaxe ao noso querido Carlos, por
parte dos dous IES que levan o seu nome en Galicia: o IES Carlos Casares
de Vigo e o de Viana do Bolo. A nosa delegación estaba formada polo
Vicedirector e o Director, e o que é máis importante por tres alumnas:
Alicia Blanco, de 4º de ESO, e Rocío Paéz e Rocío Rodríguez de 2º de
Bacharelato.
Leron, respectivamente, unha carta de Carlos Casares coas
súas lembranzas da etapa vianesa, unha pequena biografía da súa estadía
na nosa vila, e unha carta de despedida do seu alumnado. O feito de
estar nun Salón de Actos cheo, coa Presidencia do Secretario Xeral de
Política Lingüistica da Xunta, non fixo caer nos nervios ás nosas
estudantes, que realizaron unha excelente lectura.
mércores, 21 de novembro de 2012
Exposición no IES
José F. | Exposición na entrada do IES de carteis en formato 50x70, realizados
polo alumnado de 4 eso de EPV coa temática do Samaín. Técnica mixta de lapis, rotuladores e ceras.
Máis información e imaxes facendo clic aquí.
domingo, 18 de novembro de 2012
Congreso de docentes en Madrid
Nesta fin de
semana do 17 e 18 de novembro tivo lugar en Madrid o III Encuentro de
Docentes en Educación para el Desarrollo: creando redes, organizado
pola AECID (Agencia Española para la Cooperación Internacional para
el Desarrollo), na súa sede central. O IES Carlos Casares estivo
representado polo seu director, Carlos Ferreiro, e aproveitamos para
reencontrármonos con colegas de todo o Estado, todos eles,
gañadores, coma nós, dalgunha das modalidades do Premio Vicente
Ferrer ás Boas Prácticas Educativas en ED. Unha das preocupacións
das xornadas foi a necesidade de seguir loitando polo equilibrio
social e económico e o apoio aos países en vías de
desenvolvemento nun contexto tan desfavorable como é esta longa e
profunda crise económica europea. Estados como Portugal e Polonia, a
pesares do contexto hostil, seguen investindo na cooperación.
Vicent Santana do CEIP Sanchís Guarner (Paterna - Valencia) e Paloma Montero do Colexio Nuestra Señora de Fátima (Madrid), gañadores, no 2009, coma nós, do Premio Vicente Ferrer de EPD. |
A
Educación para a Igualdade de Xénero tamén tivo un espazo
protagonista, no cal o noso centro aportou as experiencias orixinais,
levadas a cabo para romper cos moldes ríxidos e os esquemas mentais
inmóviles (azul-nenos, rosa-nenas), a importancia dos xogos
deportivos mixtos e os traballos grupais igualmente equilibrados por
sexos.
mércores, 14 de novembro de 2012
Grazas a ti, Luzdivina
“Nunca poderei pagar o que o instituto de Viana fixo pola miña neta”. Non che levaría a contraria nunca e, menos agora, senón o tivera feito moitas veces; na praza, nas rúas de Viana, no instituto e, por última vez; cando remataba agosto, antes de emprender viaxe a Colombia, na nosa despedida no Hospital de Valdeorras. Querida Luzdivina, o instituto e o seu profesorado, só fixo o que ten a obriga de facer, que é traballar duro por todos e por cada un dos seus alumnos e alumnas. Cando Jennifer recibiu, de mans do Conselleiro de Educación, o Premio Extraordinario de ESO á superación persoal, algún xornal chamouche “Abuela Coraje”. Boa forma de referirse a ti, coa que concordo, que reflicte que os méritos fundamentais serán sempre para ti e a túa neta. Ambas sempre estaredes na memoria máis viva do IES Carlos Casares, como dúas mulleres nas que, esa relación entre a familia e a escola que debe caracterizar un sistema educativo que pense en bos resultados, foi firme, permanente, cooperativa e enmarcada nun contexto de emoción e superación.
luns, 12 de novembro de 2012
Outono de bullotes
Quen máis e quen menos tiznouse |
Galería de imaxes (Lourdes V. e José Mª P.)
xoves, 8 de novembro de 2012
Celebración do Samaín
Ilda L. - Lourdes V. | Onte, no IES Carlos Casares, alumnado de distintos cursos axudou a organizar o Samaín, unha festa ancestral na que se abren as portas entre o mundo dos vivos e os mortos, onde os espíritos saen dos agochos e andan a enredar... E algún debía haber esta mañá no salón de actos, porque de súpeto apagáronse as luces, acendeuse un misterioso círculo de candís, e unha procesión de figuras de manto negro e rostro pálido achegáronse ós cativos, cantando A lenda da Lavandeira. As Lavandeiras da Noite, esas mulleres que se aparecen a carón dos regatos, portando sábanas e roupas cheas de sangue, armas, coitelos e espadas ensanguentadas, e que desaparecen sen deixar rastro, premonición dunha morte ou desgraza inminente...
Unha visita especial
Esta mañá visitaron o noso centro a Xefa Territorial de Educación en Ourense, Dª María Mercedes Gallego, e o Inspector de Eucación D. José Luis Vázquez. Logo dunha pequena reunión co equipo directivo do IES, onde ambos se preocuparon polo centro en cuestións coma as motivacións do alumnado ou a dotación en infraestruturas, realizaron un pequeno percorrido pola biblioteca, as aulas ABALAR, o comedor escolar e a aula de Tecnoloxía, entre outras. Unha marabillosa forma de coñecer o sistema educativo en toda a súa dimensión, o que dende o IES Carlos Casares de Viana agradecemos e valoramos moi positivamente.
A Xefa Territorial e o Inspector co equipo directivo do Carlos Casares |
martes, 6 de novembro de 2012
Comezou o CUALE
Ovidio V. | Esta tarde arrancou no noso IES o programa de formación complementaria en linguas extranxeiras (inglés), CUALE. Unha ducia de rapazas e rapaces de 4º de eso forman un grupo consciente da importancia dunha actividade deste tipo. En palabras do profesor, Xosé Manuel Vázquez, "é unha marabillosa oportunidade de reforzar o manexo dunha lingua".
Actúa con Coidados
Susana F. | Durante os días 26-28 de outubro fomos
invitados por InteRed a participar no II Encontro Red de Centros
Transforma que tivo lugar na cidade de Fuenlabrada. Xunto coas
compañeiras Amalia Álvarez e Paz Caínzo asistimos á presentación
da campaña “Actúa con Cuidados : transforma la realidad” na que
esta ONG pretende implicar a distintos centros educativos. Tivemos a
oportunidade coñecer actividades levadas a cabo noutros institutos
e centros de primaria e tamén de explicar o traballo que estamos a
desenvolver en aspectos relacionados coa mellora da convivencia.
Dende aquí o noso agradecemento pola súa colaboración e axuda.
Foto de grupo (clic para ampliar) |
Videoconferencia a catro bandas
Ovidio V. | O IES Carlos Casares de Viana do Bolo participou esta mañá na videoconferencia "Facendo Física de Partículas polo Mundo". Con conexións dende Londres, Lisboa, Xenebra e Santiago de Compostela, esta actividade, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística con motivo do Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, resultou un exercicio de grupo para todo o alumnado de Física do IES. Certos problemas de son, que non fixeron senón dar máis credibilidade a unha conferencia deste tipo, non impediron que chegaran con claridade as respostas ás nosas preguntas tanto a través do son coma do chat.
luns, 5 de novembro de 2012
Estás ON?
Ovidio V. | Esta mañá tivo lugar no IES Carlos Casares a presentación da actividade promovida pola Cruz Vermella "Estás ON?". Baixo o formato do impacto visual producido pola información e o traballo de elaboración e reflexión en grupo, Alejandra e Gonzalo traballaron ao longo da mañá co alumnado de 3º e 4º da ESO en hábitos de saúde que todos e todas coñecemos e nos que moitas veces non reparamos. O alumnado do segundo ciclo da ESO traballou sobre a importancia dunha alimentación equilibrada, a realización regular de exercicio físico ou algúns problemas de corte social relacionados cos bos ou malos hábitos alimenticios (anorexia, bulimia, vigorexia...), que gardan dentro de si outros problemas de tipo psicolóxico, de falta de autoestima, etc.
Alejandra Cid nun momento do obradoiro con 3º de ESO |
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)