O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 18 de novembro de 2012

Congreso de docentes en Madrid

Nesta fin de semana do 17 e 18 de novembro tivo lugar en Madrid o III Encuentro de Docentes en Educación para el Desarrollo: creando redes, organizado pola AECID (Agencia Española para la Cooperación Internacional para el Desarrollo), na súa sede central. O IES Carlos Casares estivo representado polo seu director, Carlos Ferreiro, e aproveitamos para reencontrármonos con colegas de todo o Estado, todos eles, gañadores, coma nós, dalgunha das modalidades do Premio Vicente Ferrer ás Boas Prácticas Educativas en ED. Unha das preocupacións das xornadas foi a necesidade de seguir loitando polo equilibrio social e económico e o apoio aos países en vías de desenvolvemento nun contexto tan desfavorable como é esta longa e profunda crise económica europea. Estados como Portugal e Polonia, a pesares do contexto hostil, seguen investindo na cooperación.
Vicent Santana do CEIP Sanchís Guarner (Paterna - Valencia) e Paloma Montero do Colexio Nuestra Señora de Fátima (Madrid), gañadores, no 2009, coma nós, do Premio Vicente Ferrer de EPD.

A Educación para a Igualdade de Xénero tamén tivo un espazo protagonista, no cal o noso centro aportou as experiencias orixinais, levadas a cabo para romper cos moldes ríxidos e os esquemas mentais inmóviles (azul-nenos, rosa-nenas), a importancia dos xogos deportivos mixtos e os traballos grupais igualmente equilibrados por sexos.

O noso instituto transmitiu a ilusión por profundizar na chamada "senda da convivencia", con todo o que o noso alumnado voluntario (Biblioteca, Consumo, Irmanamento con Bermejo, Medioambiente ou Mediación), pode aportar. Tamén quixemos salientar que, pese ao sensacionalismo que nalgúns medios de comunicación, envolve todo o relacionado con casos de acoso, ou conflitos escolares, o IES Carlos Casares aposta decididamente polos alicerces de resolución non violenta, o diálogo, e a mediación entre iguais, co pulo decidido do alumnado, profesorado e familias mediadoras, baixo a guía da nosa coordinadora, Susana Fernández. O desenvolvemento, xunto ao obxectivo dunha cidadanía global e comprometida, ten que arrancar das vivencias e o exemplo cercano, e polo tanto, a solución dos nosos conflitos inmediatos, axestión sostible do noson centro, o servizo á comunidade e a solidariedade cos que padecen unha situación máis desfavorable como Bermejo, son etapas encadeadas e coherentes dunha preocupación esencial: proxectar a escola na vida cotiá e crear cidadáns reflexivos e implicados nunha idea de xustiza global.

Ningún comentario:

Publicar un comentario