O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 15 de novembro de 2013

Experiencias coa CME

Na xornada de onte, 14 de novembro, tivo lugar do Instituto Municipal da Educación de Vigo unha actividade formativa na que o noso centro foi destacado protagonista. Ovidio Villar e Carlos Ferreiro desprazáronse a terras olívicas para transmitir a experiencia de colaboración coa Campaña Mundial pola Educación (CME) desde o curso académico 2008-2009 ate agora, enmarcada na idea de formar un alumnado crítico, solidario e con capacidade de inserción plena na vida social e cidadá.

Carlos e Ovidio, á dereita da imaxe, Luis dende Bogotá no Skype ao fondo

O acto tivo unha aparte profundamente emotiva, xa que con nós interactuou, mediante videoconferencia, o noso antigo director Luis Fernández, desde o CC.EE. Reyes Católicos de Bogotá, que brillantemente dirixe. Luis incidiu na importancia que posúe traballar na Educación polo Desenvolvemento en tres áreas diferentes: o mundo desenvolvido (Viana), un espazo desfavorecido (Bermejo), e os contextos de "élite" que conviven coa desigualdade, como pode ser Bogotá.

Ovidio resaltou tamén o positivo de que o alumnado, participante de xeito voluntario, reforce a súa autoestima e as habilidades sociais cando protagoniza os actos de difusión pública da campaña, e Carlos lembrou como este traballo de Cooperación abre as fiestras do mundo á nosa comunidade educativa.

A labor do noso centro foi insistentemente destacada polos responsables da SAME, que por suposto, contan con nós de novo este ano para  a difusión da campaña e para a elaboración de material didáctico. Continuaremos , pois, na procura dunha acción educativa en prol dun mundo máis solidario e xusto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario