O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 18 de novembro de 2012

Congreso de docentes en Madrid

Nesta fin de semana do 17 e 18 de novembro tivo lugar en Madrid o III Encuentro de Docentes en Educación para el Desarrollo: creando redes, organizado pola AECID (Agencia Española para la Cooperación Internacional para el Desarrollo), na súa sede central. O IES Carlos Casares estivo representado polo seu director, Carlos Ferreiro, e aproveitamos para reencontrármonos con colegas de todo o Estado, todos eles, gañadores, coma nós, dalgunha das modalidades do Premio Vicente Ferrer ás Boas Prácticas Educativas en ED. Unha das preocupacións das xornadas foi a necesidade de seguir loitando polo equilibrio social e económico e o apoio aos países en vías de desenvolvemento nun contexto tan desfavorable como é esta longa e profunda crise económica europea. Estados como Portugal e Polonia, a pesares do contexto hostil, seguen investindo na cooperación.
Vicent Santana do CEIP Sanchís Guarner (Paterna - Valencia) e Paloma Montero do Colexio Nuestra Señora de Fátima (Madrid), gañadores, no 2009, coma nós, do Premio Vicente Ferrer de EPD.

A Educación para a Igualdade de Xénero tamén tivo un espazo protagonista, no cal o noso centro aportou as experiencias orixinais, levadas a cabo para romper cos moldes ríxidos e os esquemas mentais inmóviles (azul-nenos, rosa-nenas), a importancia dos xogos deportivos mixtos e os traballos grupais igualmente equilibrados por sexos.

mércores, 14 de novembro de 2012

Grazas a ti, Luzdivina

“Nunca poderei pagar o que o instituto de Viana fixo pola miña neta”. Non che levaría a contraria nunca e, menos agora, senón o tivera feito moitas veces; na praza, nas rúas de Viana, no instituto e, por última vez;  cando remataba agosto, antes de emprender viaxe a Colombia, na nosa despedida no Hospital de Valdeorras. Querida Luzdivina, o instituto e o seu profesorado, só fixo o que ten a obriga de facer, que é traballar duro por todos e por cada un dos seus alumnos e alumnas. Cando Jennifer recibiu, de mans do Conselleiro de Educación, o Premio Extraordinario de ESO á superación persoal, algún xornal chamouche “Abuela Coraje”. Boa forma de referirse a ti, coa que concordo, que reflicte que os méritos fundamentais serán sempre para ti e a túa neta. Ambas sempre estaredes na memoria máis viva do IES Carlos Casares, como dúas mulleres nas que, esa relación entre a familia e a escola que debe caracterizar un sistema educativo que pense en bos resultados, foi firme, permanente, cooperativa e enmarcada nun contexto de emoción e superación.

luns, 12 de novembro de 2012

Outono de bullotes

Quen máis e quen menos tiznouse
Ovidio V. | Como cada novembro, os castiñeiros agasállannos co seu preciado froito. Os magostos aparecen en tempo de choupíns, dos primeiros fríos e mesmo dos primeiros cumios brancos. O pasado venres celebramos, tamén como cada ano, a festa do bullote no noso instituto. E xunto ás castañas non podían faltar nin os bolos preñados nin o tizne nas facianas. Agradecemos, como non, ao Concello de Viana a súa axuda anual acendendo o lume, ao alumnado de 3º e 4º de ESO polos preparativos, e a toda a comunidade educativa por facer que esta siga a ser unha festividade referencia dentro do noso patrimonio cultural.

Galería de imaxes (Lourdes V. e José Mª P.)

xoves, 8 de novembro de 2012

Celebración do Samaín

Ilda L. - Lourdes V. | Onte, no IES Carlos Casares, alumnado de distintos cursos axudou a organizar o Samaín, unha festa ancestral na que se abren as portas entre o mundo dos vivos e os mortos, onde os espíritos saen dos agochos e andan a enredar... E algún debía haber esta mañá no salón de actos, porque de súpeto apagáronse as luces, acendeuse un misterioso círculo de candís, e unha procesión de figuras de manto negro e rostro pálido achegáronse ós cativos, cantando A lenda da Lavandeira. As Lavandeiras da Noite, esas mulleres que se aparecen a carón dos regatos, portando sábanas e roupas cheas de sangue, armas, coitelos e espadas ensanguentadas, e que desaparecen sen deixar rastro, premonición dunha morte ou desgraza inminente...


Unha visita especial

Esta mañá visitaron o noso centro a Xefa Territorial de Educación en Ourense, Dª María Mercedes Gallego, e o Inspector de Eucación D. José Luis Vázquez. Logo dunha pequena reunión co equipo directivo do IES, onde ambos se preocuparon polo centro en cuestións coma as motivacións do alumnado ou a dotación en infraestruturas, realizaron un pequeno percorrido pola biblioteca, as aulas ABALAR, o comedor escolar e a aula de Tecnoloxía, entre outras. Unha marabillosa forma de coñecer o sistema educativo en toda a súa dimensión, o que dende o IES Carlos Casares de Viana agradecemos e valoramos moi positivamente.

A Xefa Territorial e o Inspector co equipo directivo do Carlos Casares

martes, 6 de novembro de 2012

Comezou o CUALE

Ovidio V. | Esta tarde arrancou no noso IES o programa de formación complementaria en linguas extranxeiras (inglés), CUALE. Unha ducia de rapazas e rapaces de 4º de eso forman un grupo consciente da importancia dunha actividade deste tipo. En palabras do profesor, Xosé Manuel Vázquez, "é unha marabillosa oportunidade de reforzar o manexo dunha lingua".

Actúa con Coidados

Susana F. | Durante os días 26-28 de outubro fomos invitados por InteRed a participar no II Encontro Red de Centros Transforma que tivo lugar na cidade de Fuenlabrada. Xunto coas compañeiras Amalia Álvarez e Paz Caínzo asistimos á presentación da campaña “Actúa con Cuidados : transforma la realidad” na que esta ONG pretende implicar a distintos centros educativos. Tivemos a oportunidade coñecer actividades levadas a cabo noutros institutos e centros de primaria e tamén de explicar o traballo que estamos a desenvolver en aspectos relacionados coa mellora da convivencia. Dende aquí o noso agradecemento pola súa colaboración e axuda.

Foto de grupo (clic para ampliar)

Videoconferencia a catro bandas

Ovidio V. | O IES Carlos Casares de Viana do Bolo participou esta mañá na videoconferencia "Facendo Física de Partículas polo Mundo". Con conexións dende Londres, Lisboa, Xenebra e Santiago de Compostela, esta actividade, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística con motivo do Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, resultou un exercicio de grupo para todo o alumnado de Física do IES. Certos problemas de son, que non fixeron senón dar máis credibilidade a unha conferencia deste tipo, non impediron que chegaran con claridade as respostas ás nosas preguntas tanto a través do son coma do chat.

luns, 5 de novembro de 2012

Estás ON?

Ovidio V. | Esta mañá tivo lugar no IES Carlos Casares a presentación da actividade promovida pola Cruz Vermella "Estás ON?". Baixo o formato do impacto visual producido pola información e o traballo de elaboración e reflexión en grupo, Alejandra e Gonzalo traballaron ao longo da mañá co alumnado de 3º e 4º da ESO en hábitos de saúde que todos e todas coñecemos e nos que moitas veces non reparamos. O alumnado do segundo ciclo da ESO traballou sobre a importancia dunha alimentación equilibrada, a realización regular de exercicio físico ou algúns problemas de corte social relacionados cos bos ou malos hábitos alimenticios (anorexia, bulimia, vigorexia...), que gardan dentro de si outros problemas de tipo psicolóxico, de falta de autoestima, etc.

Alejandra Cid nun momento do obradoiro con 3º de ESO