O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

luns, 30 de novembro de 2015

Xornada Micolóxica en Viana do Bolo

M. Ulloa | Nunca o nome do blog da nosa revista tivo tanto que ver coa noticia que colgamos... O pasado sábado 14 de novembro celebrouse a I Xornada Micolóxica organizada polo Concello de Viana do Bolo, onde preto de 30 persoas, entre elas alumnos e profesores do noso centro, tivemos a oportunidade de coñecer, grazas a tres membros da asociación ourensá “Os Cogordos”, un pouco máis sobre cogomelos.


Nunha mañá fresquiña pero con sol saímos recoller exemplares, e logo dunha boa camiñata enchemos máis de 4 cestos mentres nos ían contando curiosidades do mundo das setas. Xa pola tarde, na Casa da Cultura os expertos explicáronnos as características dos cogumelos recollidos; alí aprendemos as diferenzas entre a Macrolepiota procera (o noso Choupín) e a Lepiota, que non todos os Boletus que se poñen azuis son velenosos, as principais diferenzas entre algunhas especies do difícil xénero das Amanitas, que as Rusulas rompen o seu pé como se fose un xiz...


Algúns dos exemplares clasificados estiveron expostos no laboratorio de bioloxía, pero para os que non tivestes oportunidade de velos, o equipo de normalización en colaboración co departamento de Bioloxía está a elaborar unha pequena presentación que en breve a colgaremos no Choupín.


E para rematar a xornada degustamos os cogumelos recollidos en empanada, guisadas, en tortilla e mesmo nun arroz...

Agardamos que o próximo ano poidamos ter a oportunidade de seguir aprendendo na seguinte xornada micolóxica e que o alumnado do IES Carlos Casares se anime a aprender fóra da aula.

Ningún comentario:

Publicar un comentario