O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

luns, 18 de xaneiro de 2010

Recoñecemento dos clubes de lectura

A Xunta de Galicia vén de outorgar a contía de 800 € ó clube de lectura "O Gato Samuel", do noso centro.

mércores, 13 de xaneiro de 2010

Festival solidario

Vivindo o proxecto Viana - Bermejo.

Poucos días antes do Nadal tivo lugar, na Casa de Cultura de Viana do Bolo, e organizado polo Vountariado do IES Carlos Casares de Viana, o II Festival Solidario con Bermejo (Bolivia), en presenza da representante da ONG “Escuelas de la Tierra”, a profesora boliviana Yaneth Rivero Rivero, quen permaneceu en Viana do Bolo durante mes e medio.

Na hora e media de duración do festival, coordinado e presentado polo voluntario do instituto Óscar López Mendaña, a música e o teatro fixeron desfrutar a unha sala chea de veciños e veciñas de Viana, Vilariño e A Veiga. O grupo de teatro, o alumnado de música, os rapaces de PROA, o alumnado de Ciclo Formativo de Atención Sociosanitaria... foron desfilando pola tarima entre os aplausos dos asistentes.


Ao logo do acto, que rematou cun chocolate quente, recaudouse o suficiente para que dous alumnos ou alumnas da UE Timoteo Rondales de Bermejo poidan iniciar estudos na universidade a partir do mes de febreiro. Foron 1000 euros os que se recolleron na furna solidaria e coa venta de rifas. Cincocentos euros son o custo da matrícula e o aloxamento na cidade de Santa Cruz (Bolivia) dun estudiante ao longo dun curso académico. As bolsas son destinadas a alumnado con interese e capacidade que non ten maneira de estudar se non é coas bolsas de “Escuelas de la Tierra”. É unha inversión en solidariedade e futuro, porque cada bolseiro adica tres horas de voluntariado á súa comunidade axudando nos estudos a rapaces e rapazas máis novos.


E todo por solidariedade, todo por xustiza. Grazas a todos e todas, no contexto dunha cidadanía global na que vianeses e bermejeños comparten os mesmos dereitos humanos.