O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

mércores, 23 de decembro de 2015

Novas pizarras dixitais

Veñen de montarse tres novos equipos dixitais noutras tantas aulas do noso centro.Cada equipo conta cunha pizarra dixital, un portátil e un canón proxector. Xestionada polo Centro de Formación e Recursos do Barco de Valdeorras, esta achega permite aumentar o número de aulas dixitais co que contamos no centro.


martes, 22 de decembro de 2015

VIH

O pasado 18 de decembro acompañounos Natalia, da Cruz Vermella, nun obradoiro sobre a SIDA. Enfocado ao alumnado de 4º de ESO e Bacharelato, este taller incidiu sobre as principais causas de transmisión desta enfermidade e a súa evolución nas últimas décadas.


luns, 21 de decembro de 2015

Encontro en Guadarrama coa AECID

Nos pasados días 16 ao 18 de decembro, nas instalacións da Residencia “Fray Luis de León”, en Guadarrama (Madrid), 12 alumnas e alumnos de 1º da ESO, acompañados polos profesores Uxía Bermúdez, Monse Ulloa, Luis Crende e Carlos Ferreiro, tivemos ocasión de participar na Xornada Rexional Final do Ano Europeo para o Desenvolvemento 2015, que baixo o lema “Nuestro mundo, nuestra dignidad, nuestro futuro”, organizou a Cooperación Española e a AECID. Catro centros españois tivemos a honra de ser seleccionados para esta actividade: o IES Terra de Trasancos, de Narón, o IES Pablo Picasso, de Málaga, o IES Realejos de Tenerife, e, por suposto, o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo.


Durante 3 días destacou a convivencia armónica, cargada de enerxía e humor dos 60 alumnos que, pese as diferencias de procedencia e idade, (os nosos eran os benxamíns do grupo, pero non desentonaron en gañas e participación), reflexionaron sobre o futuro do planeta, as problemáticas do desenvolvemento sostible, a inxustiza no reparto dos recursos, etc.




Os días comezaban con dinámicas grupais organizadas por Aitor, Ana e Sergio do colectivo vasco Izadi, que se encargou de coordinar a actividade cos estudantes. O grupo teatral Escena Studio presentou varias obras de teatro sobre sensibilización cara a igualdade de xénero. Por último, Manuel e Laura, da Fundación Tus Ojos, traballaron de novo sobre as curtametraxes proxectadas e rodadas en cada un dos centros polos rapaces.


Merceu especial mención o impacto que produciu a curta “A Ilha das Flores”, de producción brasileira, que retrataba como o ser humano pode verse relegado a un ínfimo lugar no dereito ao alimento e a dignidade, cando o diñeiro e o beneficio se erixen como valor máximo.



O comportamento dos rapaces e rapazas foi excelente, o intercambio entre profesorado, sumamente productivo, e, coma sempre, a acollida de Pilar Debén e Alberto de la Cruz, de AECID e Álvaro Sáiz, do MECD, inmellorable. Moitas grazas por esta oportunidade, e contade con nós, sempre que o desexedes.

venres, 18 de decembro de 2015

Obradoiros de xogos para rematar 2015

Esta mañá leváronse a cabo diferentes obradoiros de xogos tradicionais, nos que, por quendas, participou o alumnado da ESO. Comba, billarda, chave, ra... lembráronnos que xogar é unha das actividades máis importantes ás que podemos adicarnos as persoas.







Tarxetas de Nadal

Vén de organizarse e fallarse un certame de tarxetas de felicitación para estas datas por parte do ENDL. As tarxetas gañadoras, de Gael e Alba, abrirán os desexos que esta comunidade educativa vos brinda...


xoves, 17 de decembro de 2015

Felicitacións...

Diferentes felicitacións propias desta época convidan a ter un bo comezo de ano 2016. Neste caso, in english...


martes, 15 de decembro de 2015

Festival de Música

Os diferentes grupos da asignatura da ESO ofrecéronnos hoxe un pequeno concerto con pezas ensaiadas ao longo do primeiro trimestre, combinando diferentes instrumentos e estilos.


luns, 14 de decembro de 2015

Reporteir@s solidari@s

Continúan os traballos levados a cabo polo primeiro ciclo da ESO baixo o guión de AGARESO, desta vez coa edición de vídeo... Esta é unha das tres novas actividades (xunto con Artemaris e Ano de Cooperación, AECID) que desenvolve o noso centro en materia de cooperación.



domingo, 13 de decembro de 2015

O Parlamento Galego visita o noso IES

Unha actividade interesante na semana da conmemoración do Estatuto Galego e a Constitución

O pasado venres 11 de decembro tivemos unha ocasión inmellorable para coñecer de primeira man unha das institucións democráticas galegas que definen a política da nosa autonomía.


Grazas á Presidencia do Parlamento Galego e á Asociación de Exparlamenarios/as Galegos/as, visitáronnos Daniel Barata Quintas (PP), Pablo Xavier López Vidal (PSG-PSOE) e María Xosé Vega Buxán (BNG), que no seu momento formaron parte da cámara. O alumnado de 4º de ESO e Bacharelato puido coñecer un pouco máis a fondo esta insitución e preguntar e debater sobre a situación atual da política.

xoves, 10 de decembro de 2015

Conmemoración dos Dereitos Humanos

Expresivos e concisos os carteis que o noso alumnado preparou para a exposición que se atopa no corredor principal e que pretende a reflexión sobre moitos dereitos que por un motivo ou outro diferentes colectivos poboacionais non poden exercer véndose privados deles...





venres, 4 de decembro de 2015

Día do Voluntariado 2015

O IES Carlos Casares participou hoxe 4 de decembro nunha actividade conmemorativa do día do Voluntariado (mañá) twiteando un selfie do grupo de biblioteca...


Podedes seguir todo o evento desta xornada facendo clic aquí.

Pola non discriminación por opción sexual

O día 4 de decembro estiveron con nós Pablo e Jimena para impartir un taller contra a discriminación do colectivo LGBTI con alumnos de 2°ESO no marco do Plan Proxecta "Por 365 días de respecto e igualdade".


Foi unha actividade amena na que os rapaces puideron aprender e entender diversos valores sociais e interculturais.

xoves, 3 de decembro de 2015

Reunión do Consello Galego de Acción Voluntaria

O IES Carlos Casares, representado polo seu Vicedirector Ovidio Villar, participou, como entidade de voluntariado que é, na xuntanza do Consello Galego de Acción Voluntaria, celebrado na EGAP en Santiago de Compostela hoxe 3 de decembro. Entre outros acordos, aprobouse a estratexia de acción voluntaria para o período 2015-2018.


Máis información

martes, 1 de decembro de 2015

Cross en Tintores

Aquí tedes un ano máis a galería fotográfica do noso colectivo de atletas participando na carreira de Cross en Tintores, Verín.






luns, 30 de novembro de 2015

Xornada Micolóxica en Viana do Bolo

M. Ulloa | Nunca o nome do blog da nosa revista tivo tanto que ver coa noticia que colgamos... O pasado sábado 14 de novembro celebrouse a I Xornada Micolóxica organizada polo Concello de Viana do Bolo, onde preto de 30 persoas, entre elas alumnos e profesores do noso centro, tivemos a oportunidade de coñecer, grazas a tres membros da asociación ourensá “Os Cogordos”, un pouco máis sobre cogomelos.


Nunha mañá fresquiña pero con sol saímos recoller exemplares, e logo dunha boa camiñata enchemos máis de 4 cestos mentres nos ían contando curiosidades do mundo das setas. Xa pola tarde, na Casa da Cultura os expertos explicáronnos as características dos cogumelos recollidos; alí aprendemos as diferenzas entre a Macrolepiota procera (o noso Choupín) e a Lepiota, que non todos os Boletus que se poñen azuis son velenosos, as principais diferenzas entre algunhas especies do difícil xénero das Amanitas, que as Rusulas rompen o seu pé como se fose un xiz...


Algúns dos exemplares clasificados estiveron expostos no laboratorio de bioloxía, pero para os que non tivestes oportunidade de velos, o equipo de normalización en colaboración co departamento de Bioloxía está a elaborar unha pequena presentación que en breve a colgaremos no Choupín.


E para rematar a xornada degustamos os cogumelos recollidos en empanada, guisadas, en tortilla e mesmo nun arroz...

Agardamos que o próximo ano poidamos ter a oportunidade de seguir aprendendo na seguinte xornada micolóxica e que o alumnado do IES Carlos Casares se anime a aprender fóra da aula.

venres, 27 de novembro de 2015

Obradoiros de igualdade para a ESO

Hoxe estivo con nós Arrate Emaldi, psicóloga e experta en condutas relacionadas coa violencia de xénero e as novas tecnoloxías. A través do Concello de Viana do Bolo, representado nesta ocasión por Sara, Coordinadora do Centro de Información á Muller (CIM), e a quen agradecemos a oferta desta actividade, tivemos no centro a unha auténtica comunicadora, que soubo chegar ao noso alumnado dunha forma directa, sinxela e eficaz. A participación dos diferentes grupos foi moi positiva, con numerosas preguntas e postas en común. 


mércores, 25 de novembro de 2015

25N

Unha pequena representación sobre a liberdade das persoas e o rexeitamento á posesión das mesmas acaba de servir de reflexión para a nosa comunidade educativa sobre condutas relativas á violencia de xénero. Un día no que en prensa lemos frases tan censurables coma "cálese cando está a falar un home", queremos facernos escoitar para rexeitar de forma absolutamente contundente este tipo de condutas.


Gañador do certame de Fotografía Galiciencia 2015

O alumno de 4º de ESO Juan Bembibre resultou gañador no apartado de alumnado no certame que todos os anos se organiza con motivo da celebración de Galiciencia. Este ano para celebrar o Ano Internacional da Luz e as tecnoloxías baseadas na luz, as fotografías tiñan que retratar calquera obxecto ou contorno relacionado con esta temática. Desde o IES Carlos Casares sempre os animamos a todos a participar e este ano enviamos 20 fotografías, entre elas a de Juan que leva por título Xélida Primavera e que resultou gañadora. Noraboa!!!
 
 
https://www.facebook.com/media/set/?set=a.913578502069371.1073741828.344331598994067&type=3
https://twitter.com/choupindixital/status/669190546037059584

martes, 24 de novembro de 2015

Planetario móbil no CEIP Bibei

Sonia e Yoel (1º ESO) | O xoves 18 os nosos ex-compañeiros do CEIP Bibei de Viana do Bolo convidáronnos a asistir a unha sesión do planetario burbulla que tiñan no centro. E iso fixemos!! Na hora de bioloxía saímos e estivemos alí. Vímolo: un vídeo sobre as estrelas.
 

Ao acabar vimos a os rapaces e rapazas que estaban por alí, saudamos ás profes e invitáronnos a unha merendola.

Por 365 días de igualdade

Os alumnos de 1° e 2° da ESO preparan o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebrará o próximo mércores, 25 de novembro.




Conscientes da importancia desta data e do que implica a nivel de educación en valores están a organizar una exposición de murais con lemas como Nin unha menos ou Non á violencia de xénero, co fin de concienciar sobre esta problemática que se vive día a día na nosa sociedade.

luns, 23 de novembro de 2015

Silencio, ródase...

Carlos F. | Como tiñamos anunciado, hoxe, 3 compañeiros de la Fundación Tus Ojos, encabezados por Manuel Serrano, estiveron toda a xornada co noso alumnado de 1º da ESO, procedendo á gravación dunha pequena curtametraxe, a partir dun guión solidario.


Máis tarde, recolleron as palabras do noso alumnado acerca da súa impresión sobre Binta e a gran idea e as outras obras que puideron visionar na primeira sesión. Tamén foron lidas tres das redaccións elaboradas polos nosos estudantes (Christian Prieto, Gael e Nuria), que formaran parte do material audiovisual xerado polo noso instituto. A tarde rematou cun momento lúdico e solidario: "o xogo da silla", que trataba de facer reflexionar sobre o valor da cooperación.

Esta actividade, encadrada como sabemos no Ano Europeo para o Desenvolvemento 2015, e patrocinado pola Cooperación Española e a AECID, terá o seu colofón na xuntanza de centros participantes en Guadarrama, onde acudirá unha pequena representaci ón do noso alumnado e profesorado. Grazas, Manuel, Laura e Manu pola vosa presenza.

venres, 20 de novembro de 2015

Premios OUFF Escola

Noelia, Eva e Daniel, xunto cos profesores Pepe e Montse, asistiron como participantes cuns vídeos á entrega de premios OUFF escola en Ourense, dentro da semana internacional de Cine de Ourense, que promociona o cine en galego. Presentábanse 126 traballos, de CEIP e IES de Galicia. Interesante experiencia aínda de non estar entre os 3 IES premiados


Enlace a páxina OUFF escola: http://www.ouff.org/es/

Tertulia Literaria en Allariz

Hoxe os nosos alumnos e alumnas Raquel, Lara, Tomé, Diego Ferreiro, Carlos Cabana, Iago Vidueira, xunto cos profesores Monse Ulloa, Irene e Carlos participaron nas Tertulias Literarias do IES de Allariz no que compartimos un rato excelente con compañeiras e compañeiros alaricanos, e tamén de Xinzo, Bande ou Maceda.



O motivo foi o encontro con Manuel Núñez Singala, autor do libro de relatos breves e microrrelatos Instrucións para tomar café. A obra, marcada pola retranca, a ironía e o sentido crítico retrátanos como galegos e cuestiona o noso autodesprezo, ademáis de abogar polas diferenzas e identidades proprias nun mundo cada vez máis globalizado. Os nosos alumnos preguntaron e interviron, tras ter traballado a obra no Clube de Lectura. Fíxose ademáis por parte de María e Belén, as  nosas compañeiras anfitrionas de Allariz unha sentida referencia e homenaxe a María, un ano despois de que nos deixase,e como precursora e iniciadora da nosa participación nas tertulias. Moitas grazas, amigos polo voso recibimento.

xoves, 19 de novembro de 2015

Galiciencia 2015

Este pasado 18 de novembro o primeiro ciclo da ESO do IES Carlos Casares vén de participar na presente edición da Galiciencia, en Ourense, a través de diferentes talleres coma un sobre a luz...

A punto de entrar aos talleres de investigación

Nun taller de novas tecnoloxía baseadas na luz

Premiados nun concurso de Geocaching

Un equipo de alumnas e alumnos do noso IES resultou gañador do 2º Premio do I Concurso de Geocaching Escola Politécnica Superiro (Lugo). Irea, Álvaro, Laura e Miguel, de 1º de Bacharelto, obtiveron o diploma que os acredita como segundos clasificados e unhas gafas de visionado tridimensional.






Este grupo de alumnos estivo en Lugo na xornada de onte acompañados polos compañeiros Brais, Iago, Alba e Hugo e os profesores José Fouz (Coordinador dende o Departamento de Educación Plástica e Visual) e Ovidio Villar. Na propia Escola Politécnica de Lugo puideron ver de primeira man diferentes instrumentos utilizados polos topógrafos, sendo a estrela un dron. Todos aproveitaron a tarde para coñecer un pouco máis de preto a cidade amurallada de Lugo e incluso visitar unha exposición sobre o bosque e uso sostible de recursos naturais na Praza Maior.

Enlaces en prensa:

La Voz de Galicia 
USC (Universidad de Santiago de Compostela)