O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

xoves, 28 de marzo de 2013

Un exemplo a seguir

O pasado venres 22 de marzo tivo lugar en Santiago de Compostela o acto de entrega dos premios para alumnado da ESO como recoñecemento ao esforzo e á superación persoal e ao rendemento académico excepcional, e do XIII Concurso Hispanoamericano de Ortografía. Nun acto presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregáronse vinte, vinte e dous galardóns respectivamente en cada categoría.

Brais, co seu diploma
Na primeira delas, e xunto a outros dezanove compañeiros e compañeiras doutros centros galegos, resultou premiado Brais Seoane Villasante, alumno que cursou a ESO no IES Carlos Casares. Acompañado pola súa nai Mari, o seu pai Manolo, o Director e os seus profesores de ámbito no IES vianés, Brais recolleu o seu merecido premio a unha exemplar traxectoria.

Este recoñecemento vén a se unir aos que no seu momento recibiron Estrella, Jénifer ou Iván, e a quen enviamos un agarimoso saúdo.

Dende esta revista, que é a túa, parabéns, Brais.

xoves, 21 de marzo de 2013

Máis tipos de nós

Non hai moito tempo, este mesmo curso, publicabamos un post co traballo de alumnado da ESO sobre diferentes tipos de nós. Desta volta, son Anduriña e Javier, de 1º de Bacharelato, quen nos sorprenden cun magnífico traballo.



Reunión do Voluntariado Galego

Na xornada de hoxe, 21 de marzo, o IES Carlos Casares tivo a honra de estar representado na reunión do Consello Galego do Voluntariado, na que se aprobou o Proxecto que regula o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Coa presenza do director Carlos Ferreiro, en representación de toda a comunidade educativa, o noso centro é a voz que aglutina aos 6 institutos de secundaria da nosa comunidade que realizan accións de voluntariado, como centro pioneiro. Nos prolegómenos da reunión, recibimos o saúdo do Director Xeral de Voluntariado, Ovidio Rodeiro, louvando o traballo das voluntarias e voluntarios no centro e ofrecéndonos toda a colaboración necesaria para as nosas actividades e accións formativas ao respecto. Agardemos que sexa un acicate para que a solidariedade e a cooperación crezan na nosa contorna.

Visita a SOGAMA e instalacións da UDC

Miguel A. - Ovidio V. | O pasado 19 de marzo, un grupo de alumnado de 1º e 4º de ESO viaxou a Cerceda e á Coruña para ver, respectivamente, as instalacións de SOGAMA e dous proxectos medioambientais: un de compostaxe e outro de depuración de augas. Esta viaxe, agasallo do CEIDA, realizouse no marco do Congreso Escolar Re-Acción, organizado pola entidade coruñesa e para o cal o alumnado de 4º A elaborou un proxecto de reciclaxe, que expoñerán nas instalacións do Castelo de Santa Cruz o 23 de abril.


Na visita a SOGAMA, puidemos comprobar o camiño que seguen as nosas bolsas amarelas e negras. En canto aos envases, éstes son clasificados para enviar a plantas de reciclaxe. A bolsa negra, orgánicos, tritúrase e sécase para producir o CDR, combustible derivado de resíduos, que se queima para, á súa vez, producir electricidade. Desta queima despréndense dous novos resíduos: escouras, que son restos que non arden, como pode ser o metal ou o vidro, e cinzas, bastante perigosas e que convén almacenar en lugar seguro. Unha aperta a Luis e a Cristina, que nos acomparon durante a visita, atendendo a todas as nosas dúbidas.

En todo momento dende a nosa chegada a Cerceda nos acompañou Rebeca Vázquez, do CEIDA, quen recentemente estivo en Viana do Bolo para coñecer de primeira man o noso proxecto de divulgación, e a quen agradecemos ambas visitas.



Xa nas instalacións da UDC, uniuse ao grupo Rubén, estudiante de 4º de Bioloxía, que nos explicou dous dos programas de investigación da universidade: un compostador que rebaixa o tempo de formación do compost non maduro de varios meses a unha semana, e un sistema de depuración de auga mediante balsas con grava e plantas de humidal, capaz de obter, a partir de augas residuais, unha pureza do líquido elemento do 90%.

En resume, unha viaxe xenial que sen dúbida repetiremos.

mércores, 20 de marzo de 2013

Audio para o lipdub "Camiñando"

Xa está preparado o audio para o lipdub que está a organizar o Departamento de Música do IES Carlos Casares. Podes acceder a el na aula virtual do noso centro ou dende o enlace en A plena voz.

Viaxe Tecnoloxía 2013

O pasado día 18 de marzo tivemos a ocasión, un ano máis, de achegarnos ás instalacións de xeneración hidroeléctrica de Endesa existentes en Viana do Bolo. Os profesores e alumnos visitantes, e o noso centro ao completo, queremos agradecer desde O Choupín a xenerosidade de Endesa connosco. Esta visita ten lugar dentro do marco do convenio de colaboración entre Endesa e o IES Carlos Casares, que remata este ano 2013. Tanto o noso instituto como os representantes de Endesa da zona e da UPH Noroeste de España temos a intención de seguir colaborando, a poder ser dentro dun novo convenio que será proposto en breve desde o instituto á Fundación Endesa, iniciativa que conta co respaldo de toda a xente de Endesa que leva colaborando con nós todo este tempo.
Clic aquí para ver a galería de imaxes completa
Asistiron á saída didáctica os alumnos de 2º e 3º de ESO, acompañados polos profesores Luis Crende, Carlos Ferreiro e José María Pérez. Comezamos introducíndonos co autobús dentro da montaña onde se atopa a Central de San Agustín, nunha caverna uns 300 metros por debaixo da vila de San Agustín, que lle dá o nome á central. Alí, divididos en grupos, asistimos ás explicacións que cada representante de Endesa nos daba acerca do funcionamento da central: a operación da ponte grúa, os paneis de control de temperaturas de fluídos, os esquemas eléctrico e neumático, a marcha de turbina e válvula distribuidora, o papel da válvula de descarga ou compensatoria, a problemática do funcionamento dos alternadores, etc. Puidemos vivir a experiencia de estar dentro dunha central que estaba funcionando, baixando e subindo carga, turbinando ata 21.000 litros de auga (procedente da presa de Pías) por segundo e con todos os relés e mandos automáticos controlando cada parámetro da central.

luns, 18 de marzo de 2013

Vilariño de Conso, A Veiga e Viana do Bolo: onde as árbores teñen historias que contar

José P. | Na actualidade empregamos a madeira nas nosa vidas dándolle un certo uso, mais en xeral de maneira limitada. Pero, sabemos cómo se empregaba antes? Coñecemos os oficios das persoas que traballaban a madeira antigamente? Somos conscientes da importancia que tiña a materia tecnoloxicamente –como fonte de enerxía, para produtos de uso doméstico e para aparellos tecnolóxicos- non hai tanto?

Carro de madeira (traballo de Axel Villasante)

Cartas de amor e desamor

Lourdes V. | Co gallo da celebración do día de San Valentín, o noso alumnado da ESO participou no certame literario de Cartas de amor e desamor amosando, unha vez máis, a súa destreza á hora de escribir. Tras unha ardua decisión por parte dos membros do xurado, pertencentes aos departamentos de Lingua galega e Lingua castelá, as nosas flamantes gañadoras foron: Irea Rodríguez Cañueto, para o primeiro nivel (1º e 2ºESO) e Ana Martínez Diéguez, para o segundo (3º e 4º). Como premios, 50 euros para cada nivel. Os nosos parabéns, mozas!!

Aquí podedes ver os dous traballos premiados.

Clic para ampliar a imaxe
Clic para ampliar a imaxe

domingo, 17 de marzo de 2013

Xornada formativa sobre os Contratos-Programa

Na xornada do sábado 16 de marzo, tivo lugar en Santiago de Compostela, concretamente na EGAP, a I Xornada de Desenvolvemento de Contratos-Programa. Abriron a mañá as interesantes conferencias de Joan Vaello e Germán Sierra. Xa pola tarde, diferentes centros galegos contaron a súa experiencia en diversos eidos educativos en doce obradoiros diferentes.


En representación do IES Carlos Casares, que desenvolve dúas liñas dentro dos Contratos-Programa, acodiron a esta actividade o Director Carlos Ferreiro e o Vicedirector Ovidio Villar. Intesante xornada para a reflexión sobre situación actual do noso sistema educativo e a análise de diferentes liñas de traballo.

Link

venres, 15 de marzo de 2013

Por un consumo xusto, responsable e seguro

Ovidio V. | Hoxe 15 de marzo conmemórase o Día Mundial dos Dereitos dxs Consumidorxs. No noso centro, locen os traballos realizados polo alumnado de 4º de PDC, referentes aos seis dereitos fundamentais que as persoas temos como consumidores ou consumidoras. Este traballo complementa todo o que este grupo leva traballado este curso en consumo, pois únese á participación nos dous programas coordinados pola Escola Galega de Consumo e enmarcados no Plan Proxecta: Consumópolis 8 e Galicons-net. Parabéns a todo o grupo.



mércores, 13 de marzo de 2013

Semana da prensa

Clic para ampliar
Do 11 ao 15 de marzo, están a ter lugar no IES Carlos Casares de Viana do Bolo varias actividades con motivo da Semana da Prensa. Reflexións sobre temas de actualidade e o seu tratamento nos medios escritos ou a análise de diferentes culturas a través de xornais de diferentes países son exemplos das actividades previstas.

luns, 11 de marzo de 2013

Prevención ante unha droga dura

José Mª P. - Ovidio V. | Hoxe pola mañá tivo lugar na aula Xesús R. Jares do noso IES unha actividade na que o alumnado do segundo ciclo da ESO puido reflexionar sobre unha das drogas máis duras que hai: o alcol.


Agradecemos a Purificación Novoa, da Consellería de Sanidade, a súa presenza no noso instituto, e a súa axuda para facernos chegar a conclusións tan interesantes como que moitas veces non é fácil separar a influenza do grupo no que nos movemos e o carácter socialmente aceptado deste tipo de bebidas. Tampouco o é observar que o alcol non é, nin moito menos, un estimulador para a nosa mente. Precisamente baixo os seus efectos se chegan a cometer todo tipo de actos, mesmo delictivos, que en condicións normais nin se nos terían pasado pola cabeza.

sábado, 9 de marzo de 2013

Teatro en Lugo

Ovidio V. | Este mércores 6 de marzo, un grupo de alumnado e profesorado do Carlos Casares de Viana do Bolo, integrado case na súa totalidade por Talía Teatro, viaxou a Lugo para ver dúas obras enmarcadas no XIII Festival de Teatro Grecolatino de Lugo: Aulularia, de Plauto, e Electra, de Sófocles. Respectivamente comedia e traxedia, ambas dúas obras foron representadas marabillosamente polo Grupo de Teatro Noite Bohemia (A Coruña) sobre a tarima do Auditorio Gustavo Freire.

Unha escea de Electra

A mañá comezou cun paseo pola Muralla Romana de Lugo, concretamente o traxecto que une as portas de San Pedro e San Fernando. Logo da primeira obra, un momento para repoñer forzas cun bo bocata. Antes de ver a obra da tarde, aínda houbo tempo para ruar polo centro da cidade bimilenaria, e poder coñecer un pouco mellor o casco antigo.

Incluso a climatoloxía, que en principio se prevía pouco propicia para a nosa actividade, nos permitiu, antes de volver a Viana, dar un relaxante paseo a carón do río Miño.

venres, 8 de marzo de 2013

8 de marzo

José F. - Ovidio V. | Na mañá de hoxe conmemoramos o Día Internacional da Muller no IES Carlos Casares, e fixémolo con actividades para diferentes niveis da ESO. Con nós estivo Ana García, de Axuda en Acción, como cada 8 de marzo. Xa dende a semana pasada, o alumnado de 1º de ESO estivo a desenvolver un programa de "coidado" dun boneco ou boneca durante vintecatro horas, e elaborando un informe preciso ao respecto. Esta actividade, "Canguro 24h", completouse hoxe coa posta en común dos informes e reflexións como "sobre quen recaen a maioría dos coidados que se ofrecen", "quen os recibe"...

 
Nas dúas últimas sesións, o alumnado do segundo ciclo da ESO traballou un cómic cos bocadillos en branco, imaxinando un diálogo posible de acordo cos debuxos amosados. Un deles, unha escea dunha cociña onde as mulleres da familia están a desenvolver os traballos, mentres os homes almorzan, fixo nacer pensamentos tan importantes como pode ser a "herdanza" que unha nai transmite a unha filla cun "serve a comida ao teu irmán" ou a que un pai transmite a un fillo cun "deixa que túa irmá o faga" e un "veña, irmá, ponme a comida na mesa".


Dúas actividades interesantes e necesarias, que nos fan ver a realidade diaria de moitas mulleres e que, de non ter mañá, pasado... unha continuidade, de ben pouco servirán. O día que consigamos non ter que anotar no noso calendario oitos de marzo, saberemos que o mundo avanza cara un futuro prometedor.

luns, 4 de marzo de 2013

Taller de iniciativa empresarial

Na mañá de hoxe levouse a cabo un obradoiro adicado a avaliar e formar ao noso alumnado de Bacharelato en cuestións de iniciativa empresarial. Alejandra Cid, da Cruz vermella, e Daniel Diéguez, técnico asesor para concellos en materia de creación de empresas, conduciron esta interesante actividade. 

Daniel e Alejandra, nun momento do obradoiro

IV Semana da Orientación

Ovidio V. | Recentemente tivo lugar no IES Carlos Casares a IV Semana da Orientación, organizada polo Departamento de Orientación do IES Carlos Casares de cara ao alumnado de 4º de ESO e Bacharelato. Inaugurada pola Xefa Territorial de Educación, Mercedes Gallego, e o noso inspector, José Luís Vázquez, contou coa presenza de diferentes centros de formación profesional, universidades e mesmo a armada.


Non faltou tampouco a boa música, a cargo do Grupo de Canto e Expresión Corporal do IES. A información ofertada ao alumnado completouse na primeira xornada con tres talleres obradoiro: enfermería, NBQ - Armada Española e electrotecnia. Na sesión do segundo día, adicada ás familias, contamos cunha testemuña directa do que é o traballo no extranxeiro: o noso amigo Luis Fernández, a través dunha videoconferencia en directo dende o seu centro en Bogotá.

Noticia no blog do Grupo de Canto e Expresión Corporal do noso instituto

venres, 1 de marzo de 2013

Unha morea de temas interesantes

Varios momentos da actividade
Ovidio V. | As primeiras horas das mañás do martes e do xoves foron especiais para o alumnado de 3º de ESO, xa que tiveron a oportunidade de coñecer e profundar en aspectos da súa vida tan importantes como o uso das redes sociais, o botellón a sexualidade ou a imaxe corporal. Da man de Laura López López, Vanesa Cobelas Díaz e Millán Brea Castro, pertencentes ao centro Querote + de Ourense, o alumnado do Carlos Casares foi resolvendo todas e cada unha das súas dúbidas.