O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 27 de marzo de 2015

27M Día Mundial do Teatro

O. Villar | Admiro sinceramente a todas aquelas persoas que soben cada día á tarima para facernos rir, chorar... para facernos sentir. Admiro ao noso grupo Talía Teatro.


Continuación do Plan Director

No primeiro trimestre comezou a desenvolverse no noso centro o Plan Director para a Convivencia en Centros Educativos. Hoxe pechamos esta actividade con dúas ponencias máis, sobre acoso escolar para 1° de ESO e sobre alcol para 2° de ESO.


Grazas a Roberto e Juan Manuel, que se desprazaron dende a Comandancia da Garda Civil de Ourense para acompañarnos hoxe.

Día da Muller, Día da Igualdade

As conmemoracións do 8 de marzo son importantes, e traballar calquera día do ano en favor da igualdade real entre homes e mulleres aínda o é máis.

Con 2° de ESO

Con 3° e 4° de ESO

Con 1° de ESO

Hoxe estivo con nós Ana García, traballando co alumnado da ESO en cuestións de xénero. A través do visionado de varios documentais os posteriores análise e debate, os nenos e nenas do Carlos Casares de Viana avanzaron uns pasos máis no que é xa para nós un sinal de identidade: a Senda da Convivencia.

xoves, 26 de marzo de 2015

Actividades coa DXT

Hoxe tiveron lugar ao longo da mañá diferentes actividades a cargo da DXT, coa presencia do Xefe Provincial de Tráfico, a Coordinadora da Aula de Educación Vial e axentes da Garda Civil, representados polo Alférez da zona de Verín. Todo o alumnado de entre 14 e 18 anos participou activamente en diferentes talleres sobre seguridade vial, o tráfico e a xuventude e a condución baixo os efectos de diferentes drogas, entre outros.

David, co grupo de Bacharelato

Sinda na aula de 3° de ESO

Exemplo de realizacion dunha análise toxicolóxica

Juan Carlos nun instante da intervención en 4° de ESO

I Xornadas: Dependencia e Construción de Autonomía

Exitosas xornadas, con preto dun cento de inscricións para participar. Catro ponencias moi ben levadas por Millán Brea, Yolanda Paz, Lucía Pérez, Daniel Rodríguez e Jorge González, e o ánimo e desexo do noso Inspector Roberto Cid para comezar xa a preparación das II Xornadas.

Fenomenal a organización, a cargo do profesorado e alumnado do noso ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, e fenomenal tamén o xantar de confraternización logo dunha tan intensa coma interesante mañá.






Link na prensa

Visitounos o noso Inspector

Hoxe visitounos o noso Inspector, Roberto Cid. Logo de inaugurar e participar nas "I Xornadas de Dependencia", compartiu tempo co noso alumnado de 1° de ESO,  nunha das dúas aulas ABALAR do noso centro. 


Cooperativismo en Bacharelato

J. Fouz |Sesión sobre cooperativismo para alumnado de Bacharelato a cargo de Daniel e Marta, da rede EUSUMO. Actitude. Coñecemento e aptitudes. Obxectivo común: comunicación e colaboración para sumar.





venres, 20 de marzo de 2015

Exames ao aire libre

Mándanos Pepe unha curiosa imaxe dos exames de final de avaliación de Français, ao fresco no patio. Necesidades do tipo de exame? Aforro enerxético? Ou simplemente aire fresco para a unha boa concentración?


Ecoclases

Alumnado de 1° de ESO limpando o patio e arredores nun acto altruista e de labor voluntaria.






martes, 17 de marzo de 2015

Exposición de instrumentos musicais

O alumnado de 2° de ESO, e na asignatura de Música, vén de preparar unha interesante exposición de instrumentos musicais, creados por eles mesmos reutilizando diferentes materiais, e cunha sonoridade abraiante. A exposición permanecerá aberta ao público no corredor principal do IES. Interesantísima.









luns, 16 de marzo de 2015

Traballo en materia de consumo

Durante este curso, o alumnado de 3° de PDC está a participar en dous proxectos da Rede Galega de Consumo: Galicons-net e Consumópolis. Ademais, e recentemente, veñen de elaborar, xunto con 4° de PDC, unha serie de materiais alusivos á xornada do 16 de marzo, xornada na que se conmemora o Día Internacional dos Dereitos dos Consumidores e Consumodoras.





sábado, 14 de marzo de 2015

Saída cultural de Bacharelato 2014/15

Crónica gañadora do concurso "O Cronista do Choupín"

Paula Núñez Páez, Noemí Ortiz Domínguez, Nerea Pérez Salgado e Victoria Gago Rodríguez, 2º BAC

Engadimos, un ano máis, unha nova experiencia no noso percorrido por este centro. Tivemos a oportunidade de compartir, convivir e adquirir novos coñecementos da man do noso profesorado e alumnado de primeiro de bacharelato. Viaxamos 419 Km cara ao noso primeiro destino; alá esperábanos Madrid, unha cidade monumental e histórica por excelencia. A nosa primeira parada era o Escorial, aquel edificio de estilo clásico que nos deixou abraiados tan só con ver a súa inmensidade e maxestuosidade. Unha das moitas probas do seu amplo recoñecemento foi que no interior deste mosteiro descansan os restos dos reis e infantes de España, cousa que a ninguén deixa indiferente. Cómpre destacar a súa privilexiada localización no mapa, situándose nun alto, por expreso desexo do rei Felipe II, querendo que os seus restos descansasen nun lugar céntrico. Tras unha visita breve pero intensa, e grazas as explicación do noso director puidemos coñecer este histórico e singular edificio.


O venres 20 despois de tomar un nutritivo almorzo no albergue dirixímonos a nosa primeira parada o Museo Sorolla. Ao entrar nesa marabillosa casa-museo, ideada polo mesmo Sorolla, atopámonos cun impresionante patio de estilo andaluz. A nosa guía levounos por toda a casa explicándonos ámbitos da vida do pintor, familia e amigos e falándonos sobre a súa técnica, a súa paleta e o estilo. Sorolla era un gran retratista. Fíxolle retratos a toda clase de celebridades; o presidente de Estados Unidos, xente da nobreza, famosos... aínda que moitos deles eran da súa muller e os seus fillos, que eran habitualmente a súa fonte de inspiración.



Despois de pasear un pouco por Madrid e saciar o noso apetito (McDonalds) dirixímonos ao Xardín Botánico onde ademais de admirar a diversidade vexetal tivemos que atopar unha serie de datos como: que había unha porta que só se abre en caso de que vaian os reis ao Xardín, ninguén máis pode utilizala, a estatua do fundador do parque... Despois disto propuxémonos atopar a “Pantalones”. Levounos unha hora longa, pero finalmente, e non sen esforzo, conseguimos atopar a árbore, cuxo nome vén dado pola súa curiosa forma de pantalón.


Ao saír do Xardín Botánico encamiñámonos cara o Museo do Prado. Mentres foron a buscar as entradas, observamos a estatua de Goya e a grandísima cola que había para entrar ao museo. Unha vez no interior o noso director guiounos a unha serie de cadros elixidos polo noso profesor de historia, entre eles a exposición temporal de Goya. Uns momentos nos que puidemos disfrutar da arte e de poder interpretar os numerosos cadros que se atopan neste tan famoso museo.

Ao rematar o noso percorrido, e despois de perdernos un pouco, saímos ao exterior, no que o noso profesor de tecnoloxía nos guiou. Levounos por varios lugares e monumentos explicándonos a súa historia e este finalizou na Plaza de Santa Ana.
Tras a cea e o gran cansancio que posuíamos, observamos o ambiente madrileño, tendo a oportunidade de disfrutar desta gran cidade.

Así acabou a nosa aventura por Madrid o venres, pero aínda nos quedaban dous lexendarios días máis.

O sábado chegou o día máis esperado para a maioría, a visita ao Parque de Atraccións. Era a hora do tempo de lecer, os horas que se nos facían cortas, visitando as numerosas atraccións e facendo que a nosa adrenalina se puxese a carón das nubes. Recoñecemos que o medo a certas atraccións nos era capaz de quitárnolo ninguén. Tras disfrutar do día no parque cos compañeiros e cos profesores que nos acompañaban, tocaba dar por finalizado o día, no que o cansancio continuaba a acumularse.


A mañá do día 22, encamiñámonos a Salamanca, o noso próximo destino. Alá esperábanos o noso profesor de Física e Química, Miguel Arranz, que nos guiou por unha das cidades que máis chegou a sorprendernos. Posiblemente dos lugares máis bonitos que nunca visitamos, coas súas vistas, as súas prazas e miles de cousas que poder visitar e disfrutar. Cada lugar que visitamos, máis bonito que o anterior, máis agradable e cada un dos paseos polas rúas ou polas prazas lograba transmitirnos unha sensación agradable e de profunda tranquilidade. Tras todo o vivido durante ese día, a visita ao xardín de Calisto e Melibea e as explicacións do noso guía, esperábanos unha longa viaxe de volta a casa.


Debemos recoñecer que aínda que as saídas sexan culturais, sempre atopamos o momento para compartir xuntos experiencias, no que é para nós, neste caso, o último ano neste centro, no que tras seis anos nos tocará abandonar. Estes momentos son eses que nunca se esquecen, eses nos que o compañeirismo avanza e no que as nosas ganas de repetir aumentan a cada segundo. Damos as grazas a todas aquelas persoas que fixeron posible que esta saída se levase a cabo, e aos profesores que nos acompañaron, neste caso, Carlos, Monse, Uxía, Eduardo e Jose. Un ano máis, outra saída realizada con éxito. Despedimos, como non, esta breve recreación deses grandes días, con unha foto de grupo, na que as caras de felicidade o din todo.


xoves, 12 de marzo de 2015

Unha cebra na auga III


M. Ulloa, U. Bermúdez | O noso centro, en concreto os alumnos de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO, volveu ser seleccionado para poder desenvolver o proxecto “Unha Cebra na Auga” na súa 3ª edición. Esta experiencia educativa de divulgación do método científico e as novas teconoloxías biolóxicas tenta despertar vocacións científicas no alumnado.


Así que nuns días, seguramente despois das vacacións, teremos con nós uns novos compañeiros: unha familia composta por catro femias e catro machos adultos de peixes cebra (Danio rerio), que esperamos que pronto teñan descendencia. Esta especie converteuse no organismo modelo ideal para a experimentación na aula (compartindo a importancia co rato como especie modelo nos vertebrados). 
 
Como novidade, nesta edición manexaremos, ademais do vocabulario científico técnico en galego e castelán, a terminoloxía neste campo en inglés, co que se tenta concienciar da súa importancia como lingua de referencia na investigación científica.

No seguinte vídeo podemos ver unha explicación do proxecto.


Ademais tamén podemos atopar información nos seguintes enlaces:

martes, 10 de marzo de 2015

Talleres de Educación Vial no CEIP Bibei

Hoxe o alumnado de 1° de ESO participou nunha actividade de Educación Vial organizada polo CEIP Bibei.


Esta importante iniciativa incluiu paseos en bici por circuitos sinalizados, talleres de maniobras básicas de reanimación, visita aos principais vehículos da Garda Civil, a Policía Local ou os Bombeiros e mesmo a posibilidade de conducir un kart. Agradecemos ao CEIP Bibei a invitación para desfrutar desta xornada.


O vindeiro 26 de marzo, a DXT estará neste instituto para a realización de actividades co segundo ciclo da ESO e o Bacharelato.



luns, 9 de marzo de 2015

Festival de Teatro Clásico

O alumnado do Carlos Casares de Viana vén de participar nesta cita ourensá


L. García, I. Durán | A obra "As Bacantes" xenial. A posta en escea moi orixinal. Excelente vocalización. E a música... especialmente buscada e pensada para a actuación.


Miles Gloriosus narra a historia dun militar obsesionado pola conquista de mulleres alleas... Comedia áxil, rápida, intrigante; de diálogo elocuente, esaxerado, vertixinoso e un pouco escatolóxico. Libertina, libérrima e moi atrevida...