O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

luns, 24 de decembro de 2012

Os mellores desexos para 2013

Dende o Equipo Directivo do IES Carlos Casares queremos transmitir a toda a Comunidade Educativa os nosos mellores desexos de Felicidade nestas datas e os ánimos para afrontar un vindeiro 2013 loitando por unha Educación integral de calidade para as nosas fillas e fillos.

Un saúdo afectuoso.

domingo, 23 de decembro de 2012

Festival de Música e Teatro

Ilda L., José F., Ovidio V. | Coincidindo co final da primeira avaliación e o festival de Nadal, os pasados 20 e 21 de decembro foron dous días de Música e Teatro a esgalla. O xoves, o espectáculo foi no Salón de Actos do instituto Carlos Casares de Viana: interpretacións, playbacks, coreografías... Parabéns ao Grupo de Canto e Expresión Corporal IES Carlos Casares.



O venres, foi o alumnado do grupo de Teatro Talía quen se subiu á tarima para amosar a grande canteira de actrices e actores cos que contamos e desexarnos que se nos cumplan os soños.


Galería completa de imaxes 

xoves, 20 de decembro de 2012

Choiva de ideas

Brais Seoane Villasante, alumno do Carlos Casares de Viana do Bolo, vén de conseguir un premio ao esforzo e superación persoal

Eu direivos unha palabra, e respostádeme a primeira palabra que se vos ocorra e que teña que ver coa que eu dixen.

Comezamos?

Eu digo... clima!
Cambio, tempo, choiva, AEMET, tropical, efecto invernadoiro...

Eu digo... saltar!
Correr, brincar, comba, mercados, bola...

Eu digo... Brais!
Corazón, loita, compañeiro, cariño, igualdade, superación, exemplo, madurez, expresividade, bondade, tolerancia, amizade, serenidade...

Tiven a oportunidade e o pracer de compartir contigo, Brais, dous dos mellores anos que recordo como profesor. Dous anos nos que cada quen dentro do pequeno grupo de diversificación que formabamos puido aprender moito de quen tiña a carón. Dous anos de vivencias, proxectos, viaxes, laboratorios... Dous anos nos que moitos días, todas e todos agardabamos dúas horas pola túa chegada, impacientes, porque sabiamos que traías un sorriso por diante, un sorriso que moitos de nós non seriamos capaces de artellar, un sorriso deses que che alegran a mañá e se contaxia queiras ou non. Dous anos nos que nunca, pero nunca de verdade, che oín unha queixa, protesta ou palabra máis alta que outra, sen faltarche motivos para iso. Ninguén de nós aguantou nunca dous anos así...

Como ben che dicía, foi para toda a aula un fenomenal tempo de aprendizaxe, pero ti déchesnos a mellor das leccións: cada persoa é única e marabillosa. Segue a exercer de mestre moito tempo...

Grazas.

Ovidio Villar Marcos

Brais recollerá en breve o seu premio nun acto en Santiago de Compostela nun acto en presenza do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Parabéns.

mércores, 19 de decembro de 2012

Medo non, grazas

Ovidio V. | Na xornada de onte, e baixo o título "Cancro de mama: medo non, grazas", tivo lugar unha interesante e ben levada charla sobre esta doenza, que afecta a unha grande parte da poboación, case exclusivamente a mulleres, e contra a que se pode loitar eficazmente dende a prevención. Rosa Carracedo tivo ao alumnado de 1º e 2º de ESO pendente da súa palabra durante preto dunha hora, contando a súa propia experiencia, propondo cuestións para a reflexión e respondendo ás numerosas preguntas por parte do seu público. Unha ponencia xenial, unha visión marabillosa da vida e unha gran mensaxe de esperanza.

Merry Christmas

Ovidio V. | Agora que nos achegamos ao fin do 2012, vemos un novo ano ás portas. O alumnado de 2º da ESO aproveita para desexarnos un Feliz Nadal e Ano Novo 2013, in english, con traballos en grupo sobre postais. Corredor principal do IES.

Alumnado de 2º ESO traballando en grupo durante unha clase de inglés

Atado e ben atado

Ovidio V. | Exposición dos diferentes tipos de nós que se poden facer. Corredor principal do IES. Alumnado de Educación Plástica e Visual. Para non deixar cabo sen atar.






luns, 17 de decembro de 2012

Dúas interesantes ponencias

Carlos F. | Hoxe, 17 de decembro, como é tradicional nos últimos anos, recibimos na Aula Magna Xesús R. Jares a Paco Sierra e Roberto Prieto, compañeiros da Garda Civil, que impartiron sendas conferencias acerca dos "Perigos no uso de Internet e Redes Sociais" e "Prevención do Acoso escolar". Estas charlas enmárcanse nos acordos entre a Consellería de Cultura, Educación e O.U. e os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, e o noso centro leva xa uns dez anos participando no Programa.

Dous momentos da intervención
Os destinatarios foron esta vez as alumnas e alumnos de 1º, 2º e 3º da ESO, e destacaron as ideas da responsabilidade do grupo na necesidade de denunciar aos acosadores e protexer ás vítimas, e no eido das redes sociais, lembrouse o risco de sufrir problemas legais graves nos casos de suplantación de personalidade, insultos ou descarga de imaxes sen autorización na rede. Agradecemos como cada ano, aos membros da Grada Civil de Viana do Bolo, O Barco, Trives e A Veiga, a súa colaboración desinteresada nestes proxectos educativos.

sábado, 15 de decembro de 2012

VI Seminario Nacional de Atención ao Alumnado Inmigrante

Neste pasado venres, 14 de decembro, o noso centro cobrou protagonismo en Santiago de Compostela, ao sermos convidados a trasmitir a uns 120  asistentes, a maior parte deles profesorado e estudantes de Ciencias da Educación, a nosa experiencia de máis de dez anos en Convivencia escolar e, especialmente, a noción de "vacina intercultural" e o traballo de cooperación ao desenvolvemento cos nosos compañeiros e compañeiras de Bermejo-Bolivia.

Coordinador e ponentes do VI Seminario Nacional de Atención ao Alumnado Inmigrante
O director, Carlos Ferreiro, en representación de toda a comunidade educativa, participou no VI Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante. Carlos quixo incidirna importancia de que valores como a igualdade, a solidariedade, o respecto á diversidade cultural, deben plantexarse como unha experiencia vivencial e non como un discurso académico, máis aínda nunha época de crise na que as veces se cuestiona a necesidade de cooperar.
Mediación, voluntariado e irmanamento con Bolivia son e teñen que ser xanelas abertas ao mundo que nos lembren constantemente a idea da escola como unha prolongación da sociedade real, co obxectivo de construir mulleres e homes críticos, comprometidos coa súa contorna natural, social e humana.
Os participantes na mesa redonda rematamos tamén por facer unha defensa a prol da educación integradora, multicultural, fronte a certas visións educativas que pretenden marxinar ou xerarquizar realidades culturais ou lingüísticas, ou que buscan valorizar a escola  en función exclusivamente de resultados académicos ou rendemento económico. Neste sentido, saímos coa  sensación de que a comunidade do IES Carlos Casares camiña pola senda axeitada: a senda da convivencia. 

 
(Máis información en http://www.edu.xunta.es/web/node/7787)

Entramos ata a cociña...

El pasado 5 de diciembre hicimos un trabajo de clase (Ámbito Científico) relacionado con el tema de la nutrición que consistió en entrevistar a María (profesora de teatro y latín) y a las cocineras del centro (Raquel y María). El resultado es el siguiente:

Entrevista a María del Carmen Varela Sánchez (profesora do IES Carlos Casares)


Pregunta: En que consiste a túa labor como responsable do comedor?
Resposta: Consiste en gestionar todo lo que compete al comedor: tengo que organizar los alumnos, organizar las mesas, las cocineras y yo hacemos el menú, llevar el control sanitario del comedor, hacer un manual que se llama APCC: Análisis de Peligros de Puntos de Control Críticos, tiene que venir un inspector de sanidad a comprobar que las mesas estén bien, controlar la gestión de las cocineras, controlar que el profesorado y el alumnado paguen, llevar las faltas del comedor, controlar a los profesores que son encargados del comedor para que cumplar con sus obligaciones, etc.

venres, 14 de decembro de 2012

Festival de Música de Nadal

(clic para ampliar)
O vindeiro xoves 20, antes das vacacións de Nadal, celebraremos no Salón de Actos o Festival de Música, entre o 1º e o 2º recreo.
 
Xa podedes ver no cartel os grupos participantes e as actuacións de cada quen, haberá un pouco de todo: interpretacións instrumentais, canto, música tradicional, pop, rumba, e tamén algo de expresión corporal e ata uns DJs! Non o perdades!
 

martes, 11 de decembro de 2012

Caminante Lipdub!

Ilda L. | Xa temos canción para o Lipdub de centro: "Caminante", de Bongo Botrako. O grupo coordinador desta actividade,o alumnado de 1º BAC da optativa de música, levou a cabo onte o reconto dos votos. Este tema musical foi o gañador, seguido de cerca por "Pan y Mantequilla", e en 3º lugar "Matinee". Gracias a tod@s por colaborar nesta primeira fase do proxecto!, agora toca familiarizarse coa canción. Aquí tendes o enlace de youtube para ver o videoclip oficial:

Despois das vacacións do Nadal empezaremos a organizar as actividades que cada grupo poderá crear para o Lipdub, xa podedes empezar a imaxinar e apuntar ideas, ¡creatividade ó poder!

sábado, 8 de decembro de 2012

Cestas de Nadal

O grupo de teatro Talía vén de organizar unha rifa de Nadal, grazas á cal financiará parte das súas actividades anuais. O sorteo das dúas cestas e de produtos típicos vianeses cortesía das panaderías locais realizarase o día 21 de decembro na Casa da Cultura de Viana, ás 12:00, durante as representacións teatrais programadas para ese día. Non quedes sen a túa participación!

As apetitosas cestas de Nadal...

Adicións sociais

Ovidio V. |  Onte venres 7 de decembro tivo lugar a primeira das tres conferencias programadas para este ano e referentes ao mundo das adicións. Desta volta o alumnado de 3º e 4º de ESO tiveron a ocasión de reflexionar sobre as chamadas adicións sociais. Da man de Pilar Trabazo, e a través dunha interesante e chamativa presentación, foi posible ir facendo un percorrido polas redes sociais, as compras, o móbil, o exercicio físico ou o comer, actividades todas elas sás e necesarias, pero que rápidamente se poden converter nunha adición social.

Pilar, co alumnado do 2º ciclo da ESO

venres, 7 de decembro de 2012

Estatuto, Constitución e Dereitos Humanos

O alumnado de 3ºA animouse a analizar en que consiste e que supuxo para Galicia o Estatuto de Autonomía de 1981. Os resultados podédelos ver colgados nas cartolinas distribuidas polo corredor da entrada do centro. Estes traballos súmanse con outros realizados por alumnado de 4º de ESO sobre a Constitución Española e por alumnado de 2º de ESO sobre os Dereitos Humanos. Todos eles forman parte dos actos conmemorativos programados para o luns día 10 de decembro.

Parte do alumnado de 3ºA, a carón dos traballos realizados

mércores, 5 de decembro de 2012

Fotografía Matemática 2013

Acceso bases en castellano
  Acceso bases en galego  

O Departamento de Matemáticas do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) vén de convocar a novena edición do Certame Internacional de Fotografía Matemática. Participa!

El Departamento de Matemáticas del IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) acaba de convocar la novena edición del Certamen Internacional de Fotografía Matemática. ¡Participa!


luns, 3 de decembro de 2012

Vota a túa canción para o Lipdub!

¡Xa está instalada, na entrada do IES Carlos Casares, a urna de votacións para elixir entre tod@s a canción que empregaremos no Lipdub de centro!

O alumnado coordinador da actividade (1ºBAC, optativa de Música) axudou a preparar o espazo, decoralo, etc.

Non agardes máis e vai depositar o teu voto!

Pode votar o alumnado, profesorado, persoal de centro, etc.

Recorda: as características da canción que elixas debe ser...

- Alegre e con ritmo, divertida.
- Vocal: ter letra (non importa o idioma)
- Respectuosa.
- Ter que ver coa vida no centro, o que a ti che suxire, o que che gustaría que fose.

Así que boa letra, título e artista ou grupo, e colabora, que o venres o período de votacións remata.

venres, 30 de novembro de 2012

Viaxe do grupo de Francés a Ourense

O pasado luns 26 de novembro, un grupo de estudantes de francés do IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense) desprazouse á capital da provincia para ver unha obra de teatro na lingua gala: L'avare. Aproveitaron tamén para dar un pequeno paseo á beira do Miño e, logo de xantar en Allariz, retornaron a Viana cunha experiencia máis que nos contar.


xoves, 29 de novembro de 2012

Misión LIPDUB


Alá imos!!

No IES Carlos Casares vaise realizar un Lipdub colectivo, como proxecto de centro, para o 2º Trimestre, coa colaboración de alumnado, profesorado, persoal, etc.

Un "Lipdub" ("dobraxe de beizos") é un vídeo musical feito nunha soa toma, nun plano secuencia, na que os participantes van realizando diversas accións (bailes, teatralizacións, empregando o que cada un saiba facer e incluso disfraces, movemento coordinados, etc.) mentres fan playback da canción elixida, e que vai soando ata que remata a gravación. Despois, na edición final, incorpórase a canción como banda sonora.

sábado, 24 de novembro de 2012

Conmemoración do 25N

Ovidio V. | Coma cada ano dende que somos conscientes de que fai falla, o 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. No IES Carlos Casares de Viana, neste 2012 que xa chega ao seu final, e con tal motivo, recibimos unha visita moi especial: tres mulleres que diariamente loitan por un mundo máis igualitario, onde desapareza todo tipo de discriminación. Son Ana García, ben coñecida no IES por outras campañas de Axuda en Acción e Carla Padilla e Meyling Aguilar, ambas do Instituto de Liderazgo de Las Segovias (Nicaragua).


xoves, 22 de novembro de 2012

Homenaxe a Casares na Biblioteca Penzol

Carlos Casares
Carlos F. | No día de hoxe, 22 de novembro, tivo lugar un relevante acto cultural, organizado pola Fundación Fermín Penzol de Vigo e a Fundación Carlos Casares, na que se rendeu homenaxe ao noso querido Carlos, por parte dos dous IES que levan o seu nome en Galicia: o IES Carlos Casares de Vigo e o de Viana do Bolo. A nosa delegación estaba formada polo Vicedirector e o Director, e o que é máis importante por tres alumnas: Alicia Blanco, de 4º de ESO, e Rocío Paéz e Rocío Rodríguez de 2º de Bacharelato.
 
Leron, respectivamente, unha carta de Carlos Casares coas súas lembranzas da etapa vianesa, unha pequena biografía da súa estadía na nosa vila, e unha carta de despedida do seu alumnado. O feito de estar nun Salón de Actos cheo, coa Presidencia do Secretario Xeral de Política Lingüistica da Xunta, non fixo caer nos nervios ás nosas estudantes, que realizaron unha excelente lectura.

mércores, 21 de novembro de 2012

Exposición no IES

José F. | Exposición na entrada do IES de carteis en formato 50x70, realizados polo alumnado de 4 eso de EPV coa temática do Samaín. Técnica mixta de lapis, rotuladores e ceras.


Máis información e imaxes facendo clic aquí.

domingo, 18 de novembro de 2012

Congreso de docentes en Madrid

Nesta fin de semana do 17 e 18 de novembro tivo lugar en Madrid o III Encuentro de Docentes en Educación para el Desarrollo: creando redes, organizado pola AECID (Agencia Española para la Cooperación Internacional para el Desarrollo), na súa sede central. O IES Carlos Casares estivo representado polo seu director, Carlos Ferreiro, e aproveitamos para reencontrármonos con colegas de todo o Estado, todos eles, gañadores, coma nós, dalgunha das modalidades do Premio Vicente Ferrer ás Boas Prácticas Educativas en ED. Unha das preocupacións das xornadas foi a necesidade de seguir loitando polo equilibrio social e económico e o apoio aos países en vías de desenvolvemento nun contexto tan desfavorable como é esta longa e profunda crise económica europea. Estados como Portugal e Polonia, a pesares do contexto hostil, seguen investindo na cooperación.
Vicent Santana do CEIP Sanchís Guarner (Paterna - Valencia) e Paloma Montero do Colexio Nuestra Señora de Fátima (Madrid), gañadores, no 2009, coma nós, do Premio Vicente Ferrer de EPD.

A Educación para a Igualdade de Xénero tamén tivo un espazo protagonista, no cal o noso centro aportou as experiencias orixinais, levadas a cabo para romper cos moldes ríxidos e os esquemas mentais inmóviles (azul-nenos, rosa-nenas), a importancia dos xogos deportivos mixtos e os traballos grupais igualmente equilibrados por sexos.

mércores, 14 de novembro de 2012

Grazas a ti, Luzdivina

“Nunca poderei pagar o que o instituto de Viana fixo pola miña neta”. Non che levaría a contraria nunca e, menos agora, senón o tivera feito moitas veces; na praza, nas rúas de Viana, no instituto e, por última vez;  cando remataba agosto, antes de emprender viaxe a Colombia, na nosa despedida no Hospital de Valdeorras. Querida Luzdivina, o instituto e o seu profesorado, só fixo o que ten a obriga de facer, que é traballar duro por todos e por cada un dos seus alumnos e alumnas. Cando Jennifer recibiu, de mans do Conselleiro de Educación, o Premio Extraordinario de ESO á superación persoal, algún xornal chamouche “Abuela Coraje”. Boa forma de referirse a ti, coa que concordo, que reflicte que os méritos fundamentais serán sempre para ti e a túa neta. Ambas sempre estaredes na memoria máis viva do IES Carlos Casares, como dúas mulleres nas que, esa relación entre a familia e a escola que debe caracterizar un sistema educativo que pense en bos resultados, foi firme, permanente, cooperativa e enmarcada nun contexto de emoción e superación.

luns, 12 de novembro de 2012

Outono de bullotes

Quen máis e quen menos tiznouse
Ovidio V. | Como cada novembro, os castiñeiros agasállannos co seu preciado froito. Os magostos aparecen en tempo de choupíns, dos primeiros fríos e mesmo dos primeiros cumios brancos. O pasado venres celebramos, tamén como cada ano, a festa do bullote no noso instituto. E xunto ás castañas non podían faltar nin os bolos preñados nin o tizne nas facianas. Agradecemos, como non, ao Concello de Viana a súa axuda anual acendendo o lume, ao alumnado de 3º e 4º de ESO polos preparativos, e a toda a comunidade educativa por facer que esta siga a ser unha festividade referencia dentro do noso patrimonio cultural.

Galería de imaxes (Lourdes V. e José Mª P.)

xoves, 8 de novembro de 2012

Celebración do Samaín

Ilda L. - Lourdes V. | Onte, no IES Carlos Casares, alumnado de distintos cursos axudou a organizar o Samaín, unha festa ancestral na que se abren as portas entre o mundo dos vivos e os mortos, onde os espíritos saen dos agochos e andan a enredar... E algún debía haber esta mañá no salón de actos, porque de súpeto apagáronse as luces, acendeuse un misterioso círculo de candís, e unha procesión de figuras de manto negro e rostro pálido achegáronse ós cativos, cantando A lenda da Lavandeira. As Lavandeiras da Noite, esas mulleres que se aparecen a carón dos regatos, portando sábanas e roupas cheas de sangue, armas, coitelos e espadas ensanguentadas, e que desaparecen sen deixar rastro, premonición dunha morte ou desgraza inminente...


Unha visita especial

Esta mañá visitaron o noso centro a Xefa Territorial de Educación en Ourense, Dª María Mercedes Gallego, e o Inspector de Eucación D. José Luis Vázquez. Logo dunha pequena reunión co equipo directivo do IES, onde ambos se preocuparon polo centro en cuestións coma as motivacións do alumnado ou a dotación en infraestruturas, realizaron un pequeno percorrido pola biblioteca, as aulas ABALAR, o comedor escolar e a aula de Tecnoloxía, entre outras. Unha marabillosa forma de coñecer o sistema educativo en toda a súa dimensión, o que dende o IES Carlos Casares de Viana agradecemos e valoramos moi positivamente.

A Xefa Territorial e o Inspector co equipo directivo do Carlos Casares

martes, 6 de novembro de 2012

Comezou o CUALE

Ovidio V. | Esta tarde arrancou no noso IES o programa de formación complementaria en linguas extranxeiras (inglés), CUALE. Unha ducia de rapazas e rapaces de 4º de eso forman un grupo consciente da importancia dunha actividade deste tipo. En palabras do profesor, Xosé Manuel Vázquez, "é unha marabillosa oportunidade de reforzar o manexo dunha lingua".

Actúa con Coidados

Susana F. | Durante os días 26-28 de outubro fomos invitados por InteRed a participar no II Encontro Red de Centros Transforma que tivo lugar na cidade de Fuenlabrada. Xunto coas compañeiras Amalia Álvarez e Paz Caínzo asistimos á presentación da campaña “Actúa con Cuidados : transforma la realidad” na que esta ONG pretende implicar a distintos centros educativos. Tivemos a oportunidade coñecer actividades levadas a cabo noutros institutos e centros de primaria e tamén de explicar o traballo que estamos a desenvolver en aspectos relacionados coa mellora da convivencia. Dende aquí o noso agradecemento pola súa colaboración e axuda.

Foto de grupo (clic para ampliar)

Videoconferencia a catro bandas

Ovidio V. | O IES Carlos Casares de Viana do Bolo participou esta mañá na videoconferencia "Facendo Física de Partículas polo Mundo". Con conexións dende Londres, Lisboa, Xenebra e Santiago de Compostela, esta actividade, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística con motivo do Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, resultou un exercicio de grupo para todo o alumnado de Física do IES. Certos problemas de son, que non fixeron senón dar máis credibilidade a unha conferencia deste tipo, non impediron que chegaran con claridade as respostas ás nosas preguntas tanto a través do son coma do chat.

luns, 5 de novembro de 2012

Estás ON?

Ovidio V. | Esta mañá tivo lugar no IES Carlos Casares a presentación da actividade promovida pola Cruz Vermella "Estás ON?". Baixo o formato do impacto visual producido pola información e o traballo de elaboración e reflexión en grupo, Alejandra e Gonzalo traballaron ao longo da mañá co alumnado de 3º e 4º da ESO en hábitos de saúde que todos e todas coñecemos e nos que moitas veces non reparamos. O alumnado do segundo ciclo da ESO traballou sobre a importancia dunha alimentación equilibrada, a realización regular de exercicio físico ou algúns problemas de corte social relacionados cos bos ou malos hábitos alimenticios (anorexia, bulimia, vigorexia...), que gardan dentro de si outros problemas de tipo psicolóxico, de falta de autoestima, etc.

Alejandra Cid nun momento do obradoiro con 3º de ESO

martes, 30 de outubro de 2012

Samaín

Fotografía: J. Fouz
Lourdes Vaz | A festividade do Samaín deu lugar a unha serie de actividades interdepartamentais. Así, dende o Departamento de Debuxo os alumnos e alumnas de 1ºESO tallaron unhas cabazas emulando caras de medo expostas á entrada do instituto. Por outra banda, o Departamento de Galego dedicou varias sesións á confección de carteis encol deste tema, contamos relatos de medo e sobre a Santa Compaña nas aulas e falamos das teorías acerca das orixes do Samaín. Tamén o Departamento de Inglés traballou sobre tema con encrucillados e xogos de léxico relacionados co Halloween.

No mundo dos celtas a chegada das ánimas supoñía un potencial perigo para os vivos, os cales se defendían deixando caveiras fóra das casas con candeas de lume acesas no interior destas. Esta tradición, conservada tamén en Irlanda, puido ser exportada aos Estados Unidos e alí adaptaríana substituíndo as caveiras por cabazas dando lugar ao denominado Halloween. Co tempo e dada a influencia cultural americana regresaría a Europa onde se populizaría.

venres, 26 de outubro de 2012

Ortografía compostelá

Onte 25 de outubro foi un deses días onde algo imprevisto provoca unha situación que che fai medrar como persoa. O tema era un concurso de ortografía, o protagonista principal Héctor Álvarez, e os actores secundarios Rocío e Breixo máis o profesor José María Pérez. O escenario, o IES  do Sar en Santiago de Compostela.
De esquerda a dereita: Jose, Rocío, Héctor e Breixo

xoves, 25 de outubro de 2012

Día da Biblioteca Escolar


(ampliar)
Ovidio V. | Hoxe 25 de outubro, celebramos o día internacional das Bibliotecas Escolares cunha curiosa iniciativa: unhas pegadas anónimas custodiadas por exemplares de libros, cómics, panfletos... convidaban a achegarse á biblioteca do noso intituto. Esta orixinal iniciativa, coordinada polo profesor Federico Méndez, provocou que máis dunha persoa comprobara se eran os seus pasos os que guiaban cara á lectura. Hoxe máis ca nunca, a biblioteca encheuse de curiosos e curiosas que trataban de averiguar a onde conducían as misteriosas pegadas.

mércores, 24 de outubro de 2012

Formación do profesorado

Mª Dolores Morrillas
Ovidio V. | Esta tarde tivo lugar no IES Carlos Casares de Viana a charla-obradoiro "A organización da Aula para unha Educación Transformadora". Da man de Mª Dolores Morrillas Gómez, profesora de Ciencias do Insituto Veritas (Madrid) e Directora do Instituto De Estudos Pedagóxicos Somosaguas, o grupo de asistentes tivemos a oportunidade de analizar a fondo diferentes técnicas de traballo na aula, como pode ser o traballo coa porta aberta, onde o corredor é unha extensión natural da aula, a comparativa entre aulas por grupos e aulas por materias, e mesmo a reorganización do espazo na procura do ambiente de aprendizaxe máis efectivo.

O grupo participante nesta actividade facilitada pola ONG InteRed foi amplo, estando integrado fundamentalmente por docentes do IES que desenvolven moitos dos proxectos actuais do centro (Grupo de Igualdade de Xénero, Grupo de Cine, ABALAR...), e mesmo profesionais doutros niveis do ensino como Preescolar na Casa.

martes, 23 de outubro de 2012

Prestige, do CEIDA

4ºA expoñerá traballos referentes ao tema
Ovidio V. | Na entrada principal do IES Carlos Casares, e ata o vindeiro 31 de outubro, permanecerá a exposición didáctica Prestige, cedida temporalmente polo CEIDA, e que nos acompaña xusto no momento no que o buque liberiano afundido preto de Fisterra en 2002 está de candente actualidade no panorama xudicial. Dez anos despois da marea negra, non só segue o asunto nos tribunais, senón tamén o perigo do fuel no mar. Esta exposición, ademais de ubicarnos no acontecemento dunha década atrás, profunda dun xeito crítico no modelo enerxético dependente do petróleo, analizando ao mesmo dempo outras fontes de enerxía sostibles.


Na estela de Arcimbolo

José F. | Pedíase imaxinación e creatividade ao alumnado de 1º ESO nestes traballos de plástica. A proposta consistiu no deseño con froitas e verduras dunha cabeza humana, en soporte papel e acabado a cor, e como tarefa para casa, crear un deseño real cos alimentos vexetais da cociña. Algúns dos resultados mostrámolos nas imaxes, dignas do propio Arcimboldo.


Na loita contra a contrariedade

Deseño de Plácido B.
O pasado 19 de outubro conmemorouse o Día Mundial contra o cancro de mama, unha enfermidade que afecta case na súa totalidade a mulleres (máis do 99%) e que, por sorte, cada vez é máis factible tanto previla coma loitar contra ela. Con motivo desta conmemoración, Rosa, nai dunha alumna de 1º de ESO, quixo compartir con nós o seu desexo:

A detección oportuna e rápida do cancro de mama pode salvar a túa vida... Non o olvides... Unha vela "verde esperanza" por todas aquelas mulleres que loitan cada día contra esta enfermidade...


luns, 22 de outubro de 2012

Comezo do That's English

Carlos F. | Esta tarde, 22 de outubro, tivo lugar a presentación do Programa That´s English, no que o noso centro actúa como Centro de Apoio Titorial dependente da Escola Oficial de Idiomas de Ourense. O profesor vai ser Xosé Manuel Vázquez Vázquez, e dase a circunstancia de que a xornada inaugural amosou un record histórico de asistencia, con 19 matriculados nos diferentes módulos. Desde aquí, desexamos o mellor aproveitamento nas clases e damos a benvida aos novos (moitos tamén antigos) alumnos e alumnas do IES Carlos Casares. Welcome to That´s English.

Presentación do alumnado de That's English, co profesor ao fondo.

Enerxía para unha senda

Nesta fin de semana do 19 ao 21 de outubro, tivo lugar na facultade de matematicas da Universidade de Santiago de Compostela a celebración das I Xornadas Galegas de Educación para o Desenvolvemento, organizadas pola ONG Intervida e a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. O IES Carlos Casares tivo a honra de ser chamado para unha ponencia, na que o Director, Carlos Ferreiro compartiu xunto coas representantes do IES Campo de San Alberto de Noia, as experiencias de Boas Prácticas Educativas para a Cidadanía Global.


Tenis de mesa

J. Fouz | Pablo, profesor de educación física, organiza, cos voluntarios Iago, Borja e Axel de 2° ESO, o sorteo do campionato de tenis de mesa. Hai 30 alumnos-as e 10  profesores-as participantes.

venres, 19 de outubro de 2012

Talleres na aula de música

Ilda L. | Durante este curso 2012-2013 empeza, nos centros IES Carlos Casares e CPI Laureano Prieto, o... Taller de Canto e Expresión Corporal!!

Neste Taller, aberto ás propostas do alumnado e á evolución do grupo, vaise traballar voz e corpo coma un todo, a través de cancións, xogos, coreografías simples...

Pensado coma un lugar de experimentación, de aquí poden saír grupos de baile, canto, a unión con instrumentos, percusión corporal... Non ten fronteiras.

Os horarios serán:
IES Carlos Casares: luns no 2º recreo (12:50-13:10) e mércores no 2º recreo (12:50-13:10)

Anímate a participar!

xoves, 18 de outubro de 2012

Concurso Hispanoamericano de Ortografía

Carlos Ferreiro | Nesta primeira quincena do mes de outubro, tivo lugar, como cada ano, a Fase de Centro do Concurso Hispanoamericano de Ortografía, convocado pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes. Na xa XIII edición, deuse unha circunstancia insólita no centro: a necesidade dun masivo desempate (de ate 6 participantes) e un apretado resultado final. Temos pois que felicitar a Tania Sánchez e Ánxela Guerra, que chegaron a esa última proba; a Breixo Tomé, Rocío Rodríguez e Leticia Placín, que comparten o segundo posto, e xa que logo, ao flamante gañador, Héctor Álvarez, que representará ao IES Carlos Casares, na final autonómica que terá lugar o vindeiro xoves 25 de outubro ás 17 horas no IES do Sar de Santiago de Compostela. Agaradamos que este premio, que redundará na cualificación de Lingua Castelá e recibirá os aplausos da comunidade educativa no Acto de final de curso, sirva como estímulo no duro traxecto de 2º de Bacharelato. Noraboa, Héctor, e sorte na final! 

Na imaxe, Héctor Álvarez na biblioteca