O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 28 de maio de 2016

Bachareles 2016

Vén de graduarse unha nova promoción de bachareles, nun acto sinxelo e emotivo, no que interviñeron Manuel Obes por parte das familias, Ana María Alonso, Noelia Meléndez e Daniel Arellano por parte do alumnado e Uxía Bermúdez como profesora á hora de dar a lección de despedida. Palabras frescas para desexar o mellor aos nosos nenos e nenas de 2° de bacharelato. Sorte!






xoves, 26 de maio de 2016

Presentamos o noso ciclo

Vén de presentarse, na aula Xesús R. Jares do noso IES, o ciclo medio de Atención a persoas en Situación de Dependencia. Contamos coa presenza do alcalde de Viana, Secundino Fernández, que incidiu na importancia dunha formación sólida en cuestións de atención á dependencia e no aumento de horas de traballo demandadas neste sector.

Foi unha presentación clara e moi ben levada a cabo por parte das alumnas do ciclo, arroupadas polo seu profesor, e a todos eles agradecemos a súa colaboración.





martes, 24 de maio de 2016

Carreira solidaria

Contra Cancro de Ovarios. Viana do Bolo. IES Carlos Casares.

En apoio á campaña do alumnado de Katia e Luis, mestres no colexio Pinar prados de Torrejón (Madrid).

Día do evento:

domingo 12/xuño/2016, ás 11 h en Viana do Bolo, na Praza Maior. Dous recorridos urbanos para que participen tod@s os que queran. Un de 3 km e outro de 5 km.

A cota de inscrición é de 3 euros, como referencia mínima, e por ser unha carreira solidaria calquera aportación será benvida, aínda que non se participe físicamente na proba (Fila0). O número de conta comercial para facer o ingreso é (definitivo, aínda que calquera ingreso feito no número anterior vai directamente á Anderson Center) é o seguinte:

ES33 2080 0415 1730 4000 8528
Nome da conta: Carreira solidaria cancro de ovarios. Viana. IES Carlos Casares

O diñeiro recadado ingresarase directamente a MD Anderson Cancer Center.

IES Carlos Casares.
Concello Viana do Bolo.
Coordinan: por parte do alumnado, Irea, Iago e Brais, de 1BAC, e por parte do profesorado Pepe Fouz e Pablo Cuervo.

Atención a Persoas en Situación de Dependencia

Este é o ciclo medio que podes cursar no noso instituto. Se queres ter máis información podes facer clic neste enlace.




luns, 23 de maio de 2016

Primeiros auxilios

O alumnado do Ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia exerceu de formador para o público en xeral un curso de primeiros auxilios celebrado a pasada semana no IES Carlos Casares. Dende manobras básicas de mobilidade e inmobilidade ata como actuar en caso de feridos conscientes, inconscientes, etc. Consideramos básica esta formación para a poboación en xeral, así que vos animamos a seguir a participar en vindeiras ocasións. Grazas tamén ao alumnado de ciclo!! 









Mediación escolar en Mos

Luis Crende e Ovidio Villar veñen de desenvolver un cursiño no IES de Mos sobre mediación escolar e resolución pacífica de conflitos. Ambos profesores valoraron moi positivamente a acollida por parte do grupo pontevedrés, o seu interese e participación durante dúas xornadas e a intención de crear un grupo de mediación sólido no seu instituto. Na imaxe aparecen con Victoria Álvarez Ruíz, impulsora deste proxecto de centro.


Navega con rumbo

Hoxe acompañounos Iván nunha nova edición de "Navega con rumbo", un programa orientado á navegación segura en internet e ao coñecemento dos aspectos da rede que poden aportar certo perigo; dende o reenvío de imaxes ao ataque de virus e troianos.


xoves, 19 de maio de 2016

Torneos de Xadrez

Este ano descubrimos como as 64 celiñase as figuras bicores poden enganchar ao alumnado... Aquí podedes ver diferentes imaxes dos torneos de xadrez celebrados no IES Carlos Casares e Ourense nos que participaron rapazas e rapaces do noso IES e do CPI Laureano Prieto da Gudiña.

O mércores 18 de maio levamos dous equipos a competir na fase provincial do campeonato de xadrez galego, celebrada en Ourense. Foi coordinada por Manuel (responsable do programa XOGADE na provincia) e organizada polo clube de xadrez de Ourense a través de Elías, árbitro internacional.

Os alumnos que representaron ao instituto foron Axe, Yoel, Kevin, Xián, Bruno, Gael, Mario, Johan e Iker. Todos elen cursan a materia de xadrez en 1º de ESO, unha hora cada semana, e enfrontáronse, formando dúas escadras nun campionato con oito equipos, a formacións de toda a provincia. Obtiveron o 4ª e 5º lugar, moi satisfactorios tendo en conta que había dous equipos de alto nivel a escala nacional e que os seus rivais eran a maioría un ano maiores que eles.

Con todo, o máis positivo da experiencia non foi o resultado senon a experiencia en si: xogar e competir, aprender, convivir, controlar os nervos e experimentar o perder e o gañar de maneira natural.







Microtreatro

O pasado 12 de maio o grupo de Teatro do IES Carlos Casares representou tres pequenas pezas tituladas "A Capa", "O fan" e "Instrucciones para hablar gallego". Este acto vén a sumarse a outras iniciativas nacidas no CEIP Bibei e no Concello de Viana do Bolo. Aproveitamos a ocasión para agradecer ao Concello a asistencia a esta festa do microteatro e o agasallo de diferentes textos de Manuel María nunha xornada próxima as Letras.






mércores, 18 de maio de 2016

Costeando entre Bueu e A Guarda

J. M. Pérez, O. Villar | O alumnado de 3° e 4° da ESO está a realizar unha interesante saída cultural pola costa de Pontevedra e o norte de Portugal. Hoxe visitaron unha conserveira en Bueu (Palacio de Oriente) e o Trega na Guarda, de onde nos chegaron estas fotos.








venres, 6 de maio de 2016

Visitamos o CDR O Viso, en Lodoselo (Sarreaus)

O Centro de desenvolvemento rural O Viso está en Lodoselo, un pobo do concello de Sarreaus, e conta con servizos e instalacións para traballar con persoas maiores, mozas e mozos, nenas e nenos e tamén xente adulta.


Desenvolven actividades moi interesantes, como o de xantar a domicilio para persoas que viven soas ou son maiores, o xantar no comedor social para o que recollen as persoas maiores polos pobos, ou a vivenda comunitaria na que viven 12 persoas maiores.

Na visita tivemos ocasión de participar e axudar nas tarefas diarias do centro, repartindo as comidas na furgoneta polos pobos, recollendo ás persoas maiores para achegalas ao comedor, servindo a comida e acompañando ás maiores á vivenda comunitaria. Tamén visitamos a vivenda comunitaria, o centro de inclusión, e o albergue que está na antigua casa rectoral do pobo, coas súas salas de actividades e xogos, o tear …, os animais da granxa e a horta e o invernadoiro, o antigo comedor e cociña … 


Moitas cousas, todas moi interesantes e que dan moita vida a un pobo pequeniño como Lodoselo,  que puidemos compartir coas educadoras, terapeutas, auxiliares, cociñeiras.. do centro, en total 18 persoas que traballan neste Centro de desenvolvemento rural.

Aqui deixamos un enlace á web do centro, por se vos interesa: http://www.cdroviso.org/

De volta cara Viana paramos no Castelo de Monterrei, e tivemos a sorte de coincidir cunha visita guiada na que nos explicaron un montón de cousas interesantes da historia de este bonito sitio. Sorprendéronnos moitas cousas, como a anchura dos muros (tres metros nunha das torres), as vistas desde as torres, as historias de pantasmas, a medida exacta dunha vara marcada na parede da igrexa,  as tumbas, as marcas nas pedras de cada canteiro, ou que a igrexa estivo chea de terra para agochar as cousas de valor dos veciños cando a invasión francesa.


Coñecendo un país...

O. Villar | Hoxe acompañaron a 1º e 2º de ESO Roi e Lorena, de Agareso, quen amosaron, a través de diferentes fotografías e un vídeo, a realidade social do Salvador. A continuación, o alumnado elaborou pequenos vídeos nos que exteriorizaron as diferentes emocións nacidas desta actividade de coñecemento dun país.


Todas as enfermidades teñen cura... hai que buscala

J. Fouz | Alumn@s do IES crearon un vídeo para apoiar a iniciativa de uns alumnos-as do CEIP Pinar Prados de Torrejón, Pozuelo de Alarcón, de actuar cunha campaña para a investigación do silencioso Cancro de Ovarios, que afecta a moitas mulleres, entre elas a súa mestra Katia. O seu marido Luis, tamén mestre no CEIP, coordina o proxecto.

https://www.youtube.com/watch?v=uH3XQ0SlVjA

Pretendemos desde Viana lanzar a proposta de crear decenas de vídeos doutros centros educativos para solicitar fondos para a detección e cura deste Cancro.