O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

mércores, 23 de decembro de 2015

Novas pizarras dixitais

Veñen de montarse tres novos equipos dixitais noutras tantas aulas do noso centro.Cada equipo conta cunha pizarra dixital, un portátil e un canón proxector. Xestionada polo Centro de Formación e Recursos do Barco de Valdeorras, esta achega permite aumentar o número de aulas dixitais co que contamos no centro.


martes, 22 de decembro de 2015

VIH

O pasado 18 de decembro acompañounos Natalia, da Cruz Vermella, nun obradoiro sobre a SIDA. Enfocado ao alumnado de 4º de ESO e Bacharelato, este taller incidiu sobre as principais causas de transmisión desta enfermidade e a súa evolución nas últimas décadas.


luns, 21 de decembro de 2015

Encontro en Guadarrama coa AECID

Nos pasados días 16 ao 18 de decembro, nas instalacións da Residencia “Fray Luis de León”, en Guadarrama (Madrid), 12 alumnas e alumnos de 1º da ESO, acompañados polos profesores Uxía Bermúdez, Monse Ulloa, Luis Crende e Carlos Ferreiro, tivemos ocasión de participar na Xornada Rexional Final do Ano Europeo para o Desenvolvemento 2015, que baixo o lema “Nuestro mundo, nuestra dignidad, nuestro futuro”, organizou a Cooperación Española e a AECID. Catro centros españois tivemos a honra de ser seleccionados para esta actividade: o IES Terra de Trasancos, de Narón, o IES Pablo Picasso, de Málaga, o IES Realejos de Tenerife, e, por suposto, o IES Carlos Casares, de Viana do Bolo.


Durante 3 días destacou a convivencia armónica, cargada de enerxía e humor dos 60 alumnos que, pese as diferencias de procedencia e idade, (os nosos eran os benxamíns do grupo, pero non desentonaron en gañas e participación), reflexionaron sobre o futuro do planeta, as problemáticas do desenvolvemento sostible, a inxustiza no reparto dos recursos, etc.




Os días comezaban con dinámicas grupais organizadas por Aitor, Ana e Sergio do colectivo vasco Izadi, que se encargou de coordinar a actividade cos estudantes. O grupo teatral Escena Studio presentou varias obras de teatro sobre sensibilización cara a igualdade de xénero. Por último, Manuel e Laura, da Fundación Tus Ojos, traballaron de novo sobre as curtametraxes proxectadas e rodadas en cada un dos centros polos rapaces.


Merceu especial mención o impacto que produciu a curta “A Ilha das Flores”, de producción brasileira, que retrataba como o ser humano pode verse relegado a un ínfimo lugar no dereito ao alimento e a dignidade, cando o diñeiro e o beneficio se erixen como valor máximo.



O comportamento dos rapaces e rapazas foi excelente, o intercambio entre profesorado, sumamente productivo, e, coma sempre, a acollida de Pilar Debén e Alberto de la Cruz, de AECID e Álvaro Sáiz, do MECD, inmellorable. Moitas grazas por esta oportunidade, e contade con nós, sempre que o desexedes.

venres, 18 de decembro de 2015

Obradoiros de xogos para rematar 2015

Esta mañá leváronse a cabo diferentes obradoiros de xogos tradicionais, nos que, por quendas, participou o alumnado da ESO. Comba, billarda, chave, ra... lembráronnos que xogar é unha das actividades máis importantes ás que podemos adicarnos as persoas.







Tarxetas de Nadal

Vén de organizarse e fallarse un certame de tarxetas de felicitación para estas datas por parte do ENDL. As tarxetas gañadoras, de Gael e Alba, abrirán os desexos que esta comunidade educativa vos brinda...


xoves, 17 de decembro de 2015

Felicitacións...

Diferentes felicitacións propias desta época convidan a ter un bo comezo de ano 2016. Neste caso, in english...


martes, 15 de decembro de 2015

Festival de Música

Os diferentes grupos da asignatura da ESO ofrecéronnos hoxe un pequeno concerto con pezas ensaiadas ao longo do primeiro trimestre, combinando diferentes instrumentos e estilos.


luns, 14 de decembro de 2015

Reporteir@s solidari@s

Continúan os traballos levados a cabo polo primeiro ciclo da ESO baixo o guión de AGARESO, desta vez coa edición de vídeo... Esta é unha das tres novas actividades (xunto con Artemaris e Ano de Cooperación, AECID) que desenvolve o noso centro en materia de cooperación.



domingo, 13 de decembro de 2015

O Parlamento Galego visita o noso IES

Unha actividade interesante na semana da conmemoración do Estatuto Galego e a Constitución

O pasado venres 11 de decembro tivemos unha ocasión inmellorable para coñecer de primeira man unha das institucións democráticas galegas que definen a política da nosa autonomía.


Grazas á Presidencia do Parlamento Galego e á Asociación de Exparlamenarios/as Galegos/as, visitáronnos Daniel Barata Quintas (PP), Pablo Xavier López Vidal (PSG-PSOE) e María Xosé Vega Buxán (BNG), que no seu momento formaron parte da cámara. O alumnado de 4º de ESO e Bacharelato puido coñecer un pouco máis a fondo esta insitución e preguntar e debater sobre a situación atual da política.

xoves, 10 de decembro de 2015

Conmemoración dos Dereitos Humanos

Expresivos e concisos os carteis que o noso alumnado preparou para a exposición que se atopa no corredor principal e que pretende a reflexión sobre moitos dereitos que por un motivo ou outro diferentes colectivos poboacionais non poden exercer véndose privados deles...





venres, 4 de decembro de 2015

Día do Voluntariado 2015

O IES Carlos Casares participou hoxe 4 de decembro nunha actividade conmemorativa do día do Voluntariado (mañá) twiteando un selfie do grupo de biblioteca...


Podedes seguir todo o evento desta xornada facendo clic aquí.

Pola non discriminación por opción sexual

O día 4 de decembro estiveron con nós Pablo e Jimena para impartir un taller contra a discriminación do colectivo LGBTI con alumnos de 2°ESO no marco do Plan Proxecta "Por 365 días de respecto e igualdade".


Foi unha actividade amena na que os rapaces puideron aprender e entender diversos valores sociais e interculturais.

xoves, 3 de decembro de 2015

Reunión do Consello Galego de Acción Voluntaria

O IES Carlos Casares, representado polo seu Vicedirector Ovidio Villar, participou, como entidade de voluntariado que é, na xuntanza do Consello Galego de Acción Voluntaria, celebrado na EGAP en Santiago de Compostela hoxe 3 de decembro. Entre outros acordos, aprobouse a estratexia de acción voluntaria para o período 2015-2018.


Máis información

martes, 1 de decembro de 2015

Cross en Tintores

Aquí tedes un ano máis a galería fotográfica do noso colectivo de atletas participando na carreira de Cross en Tintores, Verín.