O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo
martes, 29 de outubro de 2013
O Gato Samuel está en marcha
O clube de lectura " O Gato Samuel" está a funcionar ás mil marabillas. Proba diso é a concentración coa que os rapaces e rapazas que o conforman len e desfrutan coa lectura compartida. Que boas sensacións nos transmitides!
sábado, 26 de outubro de 2013
Proxecto Relaciona 2013
Carlos F. | Durante os pasados días 22, 23 e 24 de outubro tivo lugar no noso centro a Actividade de formación Proxecto Relaciona: a práctica da Paz na Escola, organizada polo Instituto de la Mujer, do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad e a Xunta de Galicia. Recibimos formación 14 profesoras e profesores do IES Carlos Casares de Viana do Bolo e do CPI Laureano Prieto de A Gudiña. A ponente foi Almudena Mateos Gil, e nestas tres tardes centrouse na importancia do recoñecemento do propio corpo, os sentimentos e a educación emocional para evitar situacións de dominio e maltrato entre mulleres e homes.
O encontro desenvolveuse nun clima informal e agradable que contribuiu a reforzar os lazos entre os centros de Viana e A Gudiña, que destacan por ter unha colaboración moi estreita. Agradecemos a Almudena, a súa boa disposición e as aportacións que nos fixo, dentro e fóra do curso...
venres, 25 de outubro de 2013
Concurso Hispanoamericano de Ortografía
J. M. Pérez | O xoves 24 de outubro a alumna Andrea García, de 2º de Bacharelato,
representou ó IES Carlos Casares de Viana do Bolo na fase autonómica
galega do Concurso de Ortografía Castellana. Acompañou a Andrea
a súa compañeira Nuria Basteiro, finalista do concurso no instituto. A
proba tivo lugar no IES do Sar en Santiago de Compostela, non quedando
Andrea entre os dous primeiros postos de Galicia.
De esquerda a dereita: Andrea García e Nuria Basteiro |
luns, 21 de outubro de 2013
That's English
xoves, 17 de outubro de 2013
Con coidados
Carlos F. | No día de hoxe, 17 de outubro, Paz Caínzos, de Intered, presentou co
grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO os contidos da campaña Actúa con Coidados: transforma a realidade,
de cara a iniciar un proceso de incidencia na comunidade educativa do
IES Carlos Casares de viana do Bolo. Nesta primeira sesión, afianzáronse algúns conceptos e tratáronse de definir os pasos a seguir
nun eido de traballo que partirá de analizar a crise de coidados e
a crise ecolóxica que se dá nos seus fogares, no centro educativo e na
súa contorna.
No traballo posterior que comezará a realizar o alumnado, traerán unha serie de fotografías que ilustren esta crise que poden constatar ao seu carón, e analaizarán as causas e consecuencias da mesma.
mércores, 16 de outubro de 2013
Comeza o CUALE 2013-14
Hoxe tivo lugar a presentación do programa para a formación complementaria en lingua inglesa, CUALE, no que participarán 16 rapaces e rapazas de bacharelato do IES Carlos Casares. Esta é unha marabillosa oportunidade de mellorar o nivel de competencia en inglés a través de diferentes dinámicas de grupo nas que a escoita e a fala son os eixes fundamentais. Moita sorte!
domingo, 6 de outubro de 2013
Encontro de Centros Solidarios
Ovidio V. | O pasado 4 de outubro, tres rapazas, cinco rapaces e dous profesores, todos membros dos equipos de Mediación Escolar e Voluntariado do IES Carlos Casares, participaron no I Encontro da Rede de Centros Escolares Solidarios. Esta actividade, que tivo lugar en Santiago de Compostela, logrou reunir aos oito centros escolares que o curso pasado participaron no programa Rede de Centros Escolares Solidarios, enmarcado no Plan Proxecta.
O grupo de Viana, á súa chegada a Santiago |
Abriu o encontro a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que salientou a importante labor de voluntariado que a xuventude galega está a levar a cabo. A continuación, e ao longo de toda a mañá, proxectáronse as micromovies rodadas en todos os centros, con temáticas como a mediación escolar, o respecto á terceira idade ou o maltrato animal.
Samuel e Lois, presentando ao IES Carlos Casares |
Logo de xantar, cada centro compartiu cos demais non soamente os proxectos que leva a cabo cada quen, senón tamén diferentes xogos cooperativos, e mesmo tivo lugar un mercadiño de troco onde quen chegou cun CD ben puido voltar a casa cun libro ou un boneco.
Un grupo de rapaces e rapazas de diferentes centros probando o "lapis solidario" |
Parabéns á organización do evento polo matiz integrador desta actividade e, como non, a todas e todos os participantes, que son exemplo a seguir pola nosa a sociedade.
Link en Voluntariado Galego
venres, 4 de outubro de 2013
Avaliación compartida
Onte xoves levouse a cabo a sesión de avaliación inicial de competencias do alumnado da ESO do IES Carlos Casares. Cinco competencias foron avaliadas: lingüística, matemática, interacción co mundo físico, dixital e social e cidadá.
Unha das sesións de avaliación, durante a intervención da directora do CEIP Bibei |
Co profesorado da ESO estivo tamén parte dos equipos docentes dos centros de primaria adscritos ao Carlos Casares, a quen agradecemos a súa presenza na procura dunha continuidade natural entre as dúas etapas educativas.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)