O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 25 de setembro de 2011

Moita sorte, Edu!

Ovidio Villar, Viana do Bolo. A comunidade educativa do IES Río Órbigo en Veguellina de Órbigo (León) está de sorte: acaban de facer unha boa fichaxe. Logo de nove anos en no Carlos Casares de Viana do Bolo, Eduardo Sagüilla trasladouse ao IES leonés.


O pasado sábado tivo lugar en Viana un xantar compartido con el. En total, case corenta persoas, representando á Inspección, á Dirección do IES vianés, ANPA, profesorado, PAS, alumnado e outros compañeiros de deporte e amigos. Entre outros cargos no Carlos Casares, Eduardo foi Xefe de Estudos os últimos catro cursos. Moita sorte, Edu!

Clic aquí para ver a galería de imaxes completa

martes, 20 de setembro de 2011

Comeza un novo curso

Luis Fernández - Ovidio Villar, Viana do Bolo. O pasado venres foi convocado o alumnado de Bacharelato para a presentación deste novo curso 2011-12. Onte foi o turno do alumnado da ESO, agás os programas de Diversificación Curricular, que hoxe mesmo se presentaron en presenza do alumnado correspondente, o equipo directivo, os titores e os profesores de ámbito. Arrancará completamente este novo ano académico logo das respectivas presentacións do Ciclo Formativo de Atención Sociosanitaria, o 29 de setembro, e o That's English, o 20 de outubro.
Dous momentos durante a presentación do alumnado da ESO

Das 157 matrículas formalizadas, 100 corresponden á ESO, 36 ao Bacharelato e 21 cursarán estudos nun cada vez máis recoñecido e solicitado ciclo de formación profesional. Ademais, un total de 15 alumnas e alumnos matriculados no programa CUALE da Xunta de Galicia, poderán obter titulación oficial da EOI asistindo a sesións semanais de inglés.

Este curso comezará para o alumnado de 1º de ESO cunha importante novidade: o uso de libros dixitais. No marco dun proxecto piloto da Consellería, dito alumnado será pioneiro nunha forma de aprendizaxe que en poucos anos será habitual nos centros educativos.

domingo, 18 de setembro de 2011

Labor recoñecida ao voluntariado

Luis Fernández López, Viana do Bolo. O traballo realizado polo voluntariado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, que vai desde atender determinados servizos da biblioteca, ser mediador ou mediadora, axudar ao equipo TIC do centro ou colaborar co proxecto Viana- Bermejo, é protagonista dun artigo publicado en "Apuntes do CFIE", revista editada pola Consejería de Educación da Junta de Catilla y León.

mércores, 14 de setembro de 2011

A biblioteca do IES recibe unha nova axuda

IES Carlos Casares, Dirección. Segundo resolución da Xunta de Galicia, publicada no DOG do 13 de setembro, a biblioteca do IES Carlos Casares de Viana do Bolo recibe unha axuda de 1500 Euros no cuarto ano de participación no plan de mellora de bibliotecas escolares. Estes fondos servirán para o funcionamento e actividades da biblioteca que está aberta para calquera persoa interesada entre as 9 e as 18 horas, de luns a venres.

Alumnado de 3º A na biblioteca durante as pasadas xornadas da prensa

xoves, 8 de setembro de 2011

Formación recoñecida pola EOI

IES Carlos Casares, Dirección. O IES Carlos Casares, a través do programa CUALE da Xunta de Galicia, ofrece a posibilidade ao alumnado de Bacharelato, de obter titulación oficial da Escola Oficial de Idiomas, asistindo a 4 horas máis de ingles á semana, en horario de tarde. Este sistema comeza en Viana do Bolo, a partires do inicio do curso 2011-12.

sábado, 27 de agosto de 2011

Talleres estivais

Ovidio Villar. As actividades seguen ao outro lado do Atlántico. Durante este mes de agosto, estanse a desnvolver numerosas actividades na Unidade Educativa Timoteo Rondales, en Bermejo SC (Bolivia), destinadas ao alumnado de secundaria ao abeiro do proxecto educativo que o centro boliviano e o IES Carlos Casares de Viana levan a cabo.

Entre outros, estanse a desenvolver obradoiros de xénero e afectividade. É de vital importancia traballar estes aspectos na procura dun mundo no que todas e todos teñamos as mesmas oportunidades, ao tempo que se reducen problemas sociais coma o maltrato ou a violencia de xénero.

domingo, 14 de agosto de 2011

Última hora dende Bolivia

Os programas de cooperación avanzan a bo ritmo

Podes seguir toda a actualidade do proxecto de cooperación Viana do Bolo - Bermejo nos seus posts. As dúas últimas novas xa están dispoñibles:

Proxecto de bibliotecas

sábado, 6 de agosto de 2011

O galardón que faltaba por entregar

Bermejo recibiu o primeiro premio do 7.11 FM

Os voluntarios e voluntarias do IES Carlos Casares de Viana entregaron o 1º PREMIO do Certame de Fotografía Matemática que convoca anualmente o Departamento de Matemáticas do IES. O profesor Adrián López, fixo entrega do diploma á alumna de Bermejo SC (Bolivia) Adriana Mancilla Frías, polo excelente traballo "Circunferencia con centro en yema".

Adriana Mancilla Frías (Bermejo SC, Bolivia)

No seguinte enlace, podedes ler toda a información sobre esta nova e unha entrevista á propia Adriana. Parabéns!

mércores, 3 de agosto de 2011

Pola mellora da calidade da educación

O IES Carlos Casares de Viana do Bolo vén de ser seleccionado para participar nos plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación para o curso 2011/2012 (Orde do 13 de maio de 2011, DOG do 27).


A finalidade do proxecto elaborado polo instituto vianés é mellorar a lectura, interpretación e análise de datos estatísticos, gráficos e mapas, traballando así, entre outras, a competencia matemática, a lingüística ou a dixital. Para iso, máis da metade do profesorado elaborará unha serie de materiais que serán utilizados, previa avaliación, como  materiais de traballo e apoio na ESO o vindeiro curso.