O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

domingo, 8 de marzo de 2015

Campaña Mundial pola Educación 2015

O. Villar | Comezou de novo esta actividade, un clásico do noso calendario, e que busca ano tras ano a reflexión e posterior acción sobre diferentes aspectos de mellora na educación e no acceso á mesma dende a infancia: educación para nenas e nenos, traballo pola igualdade norte-sur, o incremento do número de mestras e mestres...

Iago cos seus avós, Bárbara e Magín
Este ano comezamos cunha interesante análise: as diferencias e similitudes da escola actual, a de Iago, e a escola á que foron a súa avoa Bárbara e o seu avó Magín. Un modelo de escola, esta última, perfectamente relatado polos nosos amigos, e inspirado no bisavó de Iago, mestre rural nunha época tan lonxana como difícil para a profesión da docencia. Dende este instituto queremos agradecer aos tres non soamente a apaixoante historia que nos relataron, senón tamén a súa implicación e disposición para que este proxecto siga adiante.

Susana Fernández, Secretaria do IES, participou tamén na entrevista

Recolleron estas impresións Fon e Miki (EDUCO), dous bos amigos do noso IES. As imaxes gravadas formarán parte dun documental que se estreará durante a SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación) a finais de abril.

sábado, 7 de marzo de 2015

Teatros cooperativos

Continúan as actividades no marco o programa "Cooperación Galega: o mundo que queremos" (Plan Proxecta), e desta volta fixérono con dous interesantes talleres de teatro para 2° e 4° de ESO.



Achegámonos pouco a pouco ás actividades finais, nas que nos prometeron sorpresas...

luns, 2 de marzo de 2015

Cooperativismo para 3° de ESO

R. Porto, H. Barros, O. Villar | O pasado venres acompañáronnos Marta e Daniel, da rede EUSUMO, para falarnos das cooperativas como posibilidade de futuro.


O primeiro que fixemos foi colocarnos en catro grupos. Cada grupo sería un membro dunha cooperativa. Nese momento, pintamos nuns folios un "X" e un "Y". Supostamente eran dous produtos que tiñamos que vender para obter o máximo beneficio posible.


Vendendo todos o mesmo produto obtiñamos beneficio seguro. Se nos enganabamos uns aos outros, podiamos obter moito beneficio so uns, e a longo prazo todos nos arruinamos. Aprendemos que para formar parte dunha cooperativa hai que coñecer moi ben ás persoas que participan con nós e ter unha gran confianza nelas.

xoves, 26 de febreiro de 2015

Traballando sobre seguro

J. Lamas | O alumnado do ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia vén de elaborar unha serie de materiais orientados á prevención de riscos laborais máis frecuentes entre os e as profesionais do sector.


Utilizando soportes diferentes e complementarios, tralo análise das lesións máis comúns entre este colectivo profesional,  elaborouse unha pequena campaña de sensibilización cuxo obxectivo é a prevención e a posta en valor da xeración de contornas de traballo seguras e saudabeis.

O primeiro dos materiais, realizado a través da plataforma prezi, aborda a problemática das posturas repetitivas, un dos máis frecuentes motivos de incapacidade temporal no sector.

Link á presentación

O seguinte material baixo lema “tu salud es lo primero” achéganos unha serie de consellos utís a ter moi en conta no eido da ergonomía e hixiene postural.


Por último achegarémonos a través do spot “se o teu corpo non queres danar, déixate aconsellar” a algúns titoriais de boas prácticas relacionados coas posturas forzadas e a toma de consciencia da aplicación dos principios básicos de mecánica corporal.



Dende o IES Carlos Casares, entendemos a atención e o coidado das persoas en situación de dependencia como un vieiro de ida e volta, no que a saúde do profesional xoga un papel central nesta área da intervención sociosanitaria.

mércores, 25 de febreiro de 2015

Galería de imaxes: Rutas CAL 2015

Aquí podedes ver unha foto do grupo formado polos institutos Carlos Casares de Viana do Bolo e Alonso Quijao de Quintanar de la Orden, ambos participantes nas Rutas Científicas, Artísticas e Literarias 2014-15, que tiveron lugar dende Barcelona a Valencia do 16 ao 22 de novembro de 2014.

O grupo no Castelo de Peñíscola

Máis abaixo, aparece a galería completa de imaxes, unha asignatura que tiñamos pendente. Aproveitamos para enviar unha aperta enorme aos nosos amigos e amigas de Quintanar.


martes, 24 de febreiro de 2015

QRT+ ou a importancia da autoimaxe corporal

O. Villar | Hoxe acompañáronnos Laura López e Miguel Rodríguez, do centro QUÉROTE de Ourense, para desenvolver unha interesante e amena actividade co alumnado de 3° de ESO.


O traballo levouse a cabo en pequenos grupos, que analizaron e compartiron ideas sobre a autoestima, a importancia de quererse, o rol que o grupo xoga sobre o individuo ou a forma en que cada persoa afronta a relacións sociais na súa contorna.







Graciñas á xente de QUÉROTE, que coma noutras ocasións converteu unha sesión de case dúas horas nun entretido momento para compartir, e parabéns ao alumnado de 3° de ESO polo seu xenial nivel de implicación e participación.

luns, 23 de febreiro de 2015

Os Entroidos de Vilariño e Viana viaxan a Compostela

Vén de celebrarse a II Mostra de Entroido no IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela). Nesta actividade, organizada polo ENDL do IES santiagués, DLG do CIFP Compostela (Santiago), ASPANAES Duques de Lugo (Lugo), o CEIP Lamas de Abade (Santiago), o CEIP Ramón Cabanillas (Santiago) e a Escola Infantil Raiolga (Santiago), participamos como convidados o CEIP San Martiño de Vilariño de Conso e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, presentando os emblemáticos entroidos de ambos concellos.


Logo dunha pequena ponencia inicial, comezou a representación ante preto dun milleiro de rapaces e rapazas: a historia de lardeiros e lardeiras (bonecos feitos con roupa "roubada" e que representan de ironicamente a homes e mulleres), os sons dos folións (toques rítmicos con bombos, aixadas, gadañas...) e o sarcasmo das foliadas (versos "satíricos" referentes a situacións sociais concretas) triunfaron ante un agradecido público, que se desfixo en aplausos ante o improvisado desfile.


Foi un pracer participar nesta interesante iniciativa, que reuniu en Santiago a alumnado, familias e profesorado de dúas comunidades educativas conscientes da importancia de manter esta fermosa tradición que é o Entroido.


sábado, 21 de febreiro de 2015

Alumnado osixenado

M. Martínez, I. Durán, O. Villar | Na xornada de onte, 20 de febreiro, leváronse a cabo no IES Carlos Casares as probas de medición da capacidade que temos de transportar osíxeno ás nosas células a través do sangue (coxiometrías). Con nós estivo Pilar Trabazo, do SERGAS, quen como cada ano nos axuda a previr o tabaquismo grazas ao programa Clases sen fume.

Pilar Trabazo, co alumnado de 1°, 2° e 4° de ESO

Cal é a relación entre fumar e respirar mal? Quen se encarga de transportar a través do sangue o osíxeno que nos permite respirar é unha proteína chamada hemoglobina. Dita proteína é moi afín a unha perigosa molécula chamada monóxido de carbono, CO, e se esta entra no noso sangue substitúe ao osíxeno na cadea de transporte. E así non soamente non podemos respirar, senón que tamén temos sensación de afogo.

O monóxido de carbono prodúcese en determinadas combustións, como en braseiros situados en lugares mal ventilados (pode provocar a temida morte doce) e tamén ao queimarse o tabaco na acción de fumar (así accede o  CO ao noso torrente sanguíneo a través dos pulmóns).