O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

luns, 8 de marzo de 2010

Carolina non sabe

Carolina non sabe cándo é o día dos dereitos humanos, nin o día mundial sen tabaco; nin o día internacional da paz; nin o día da bicicleta; nin o do xurelo de Cambados ou o do pemento de Padrón, ela non está ó tanto destas celebracións tan sinaladas do calendario. Sen embargo ela si sabe, cando o neno máis pequeno ten clase de ximnasia e lle ten que ter preparado o chándal, ou cando o maior quere saír de marcha e precisa sempre aquela camisa negra que nunca está ben pasada.
Tamén sabe de ter a comida tódolos días para as dúas e con pouco sal a carne que o home ten o colesterol un pouquiño alto, sabe de erguerse nas noites de gripe e de sarampelo, sabe tamén dalgunha labazada que outra, de correr para o colexio falar cos profes dos pequenos ( o que chorou aquela vez que lle expulsaron o máis pequeno tres días), sabe de face-las camas, de non parar en todo o día, de ir da casa ó súper, do súper á casa, logo á dos sogros que xa van vellos, de cas dos sogros ó banco, sempre da zeca para a meca. Sabe de multiplica-los pans e os peixes para chegar a fin de mes con algo de sobra para unhas deportivas novas para os rapaces, ¡ou os seus fillos non han ser coma os outros!

Hoxe mentres o seu Paco comía a carne cocida con pouco sal e ela estaba xa preparándolle o café, no parte da primeira saíu unha noticia dicindo que era o día da muller traballadora, sen saber moi ben porqué púxose contenta de saber que a alguén se lle ocorrera dedicarlle un día ás mulleres traballadoras e díxolle a Paco – ¡Ai ho! hasme ter que facer un regaliño que hoxe é día das mulleres traballadoras- Paco seguiu mirando para a televisión sen dicir nada e só despois de lava-la taciña cunhas gotas de Espléndido dixo – mulleres traballadoras son aquelas que traen un soldo para a casa-.

Carolina non dixo nada, púxose a fregar a louza no vertedeiro e as bágoas foron facendo espuma e algunha que outra pompa cando se mesturaron co Fairy que lle botara á pota de coce-la carne sen sal, xa sabedes, por aquilo do colesterol un pouco alto.

Anse1000

Ningún comentario:

Publicar un comentario