O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 4 de novembro de 2011

Día da Ciencia en Galego

David Ponte, Viana do Bolo. Pode realizarse o “retrato robot” do sospeitoso dun crime a partir dunha mostra de ADN? Existe unha orixe común entre as poboacións do norte de Europa e os galegos? Como é o día a día dun investigador? Estas e moitas outras cuestións foron contestadas desde Natal (Brasil) polo profesor Ángel Carracedo (catedrático e director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela), que se someteu, a través de videoconferencia, ás preguntas de milleiros de alumnos de educación secundaria.

Un momento da videoconferencia, clic para ampliar (Imaxe: Ovidio Villar)
O evento, enmarcado nas actividades que se realizaron no día da ciencia en galego, tivo lugar na mañá de hoxe e foi seguida desde aproximadamente un centenar de centros de educación de Galicia. Alumnos de segundo ciclo de secundaria e de Bacharelato do IES Carlos Casares participaron no evento (seguido en directo desde a aula magna Xesús R. Jares), que comezou cunha presentación do traballo que realiza o Dr. Carracedo e o seu equipo no eido da medicina legal. O profesor Carracedo describiu as técnicas que se empregan para analizar as mostras que lles remiten corpos policiais de todo o mundo. O avance no estudo do xenoma humano e o prefeccionamento das técnicas de análise xenético fai que, nalgúns casos, sexa posible identificar o autor dun crime a partir, unicamente, dun obxecto persoal atopado na escena do crime.

Galería de imaxes

Ningún comentario:

Publicar un comentario