O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

sábado, 8 de novembro de 2014

CEAM Viérnoles, día 4

Hernán, Jorge, Samuel e Zaira | Hoxe xoves fomos a ver o Parque Natural de Saja-Besaya. Caracterizado por ser un bosque mixto caducifolio que ten como árbores principais os carballos máis abundantes na parte máis baixa e faias (cos seus froitos chamados “faiuchos”) abundantes nas partes altas. Na zona do río vimos o bosque de galería composto por abelaira, salgueiros, freixos... Polo camiño atopamos diferentes especies de musgos, liques (algúns son bioindicadores de aire limpo), setas, acivros moi desenvolvidos, había exemplares como árbores nos que as follas máis altas deixaban de ter pinchos e o seu borde era máis liso. Como é un bosque natural os troncos das árbores mortas non se retiran porque serven de hábitat e alimento a outros seres vivos (liques, musgos, escaravello, paxaros carpinteiros...).


Vimos tamén un lugar onde os xabaríns se dan baños de barro e os troncos das árbores onde logo se rascaban para desparasitarse (estaban cheos de barro).
Ao final da subida a pleno sol chegamos aos restos dun pobo abandonado chamado Rozas. Xa na baixada que fixemos un pouco máis rápido algúns estivemos aprendendo a imitar o son dos paxaros coas mans. Pola tarde, tivemos dous talleres: Environmental Impact e unha simulación sobre un posible proxecto de construción dun campo de golf en parte dos terreos do Parque Natural das Dunas de Liencres que fomos a ver onte.


No taller de inglés analizamos as accións do home causantes de impactos e os tipos de impacto segundo a consecuencia (positive or negative) e segundo o alcance (local, regional and global), cunha presentación. Logo por parellas contestamos nos ordenadores unha preguntas e despois todos expuxemos diante do grupo vestidos con chaquetas e fulares mentres nos gravaban (os vídeos están colgados no blog do CEAm (http://ceamcantabria.blogspot.com.es/). No taller de simulación dividíronnos en 4 grupos: construtores, políticos, habitantes da zona e ecoloxistas. Cada un defendeu a súa opinión con argumentos a favor e en contra sobre a construción do campo de golf e logo votamos. Saiu que non. O día rematou coa festa onde primeiro Carlos fixo un monólogo e logo bailamos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario