O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

venres, 6 de maio de 2016

Visitamos o CDR O Viso, en Lodoselo (Sarreaus)

O Centro de desenvolvemento rural O Viso está en Lodoselo, un pobo do concello de Sarreaus, e conta con servizos e instalacións para traballar con persoas maiores, mozas e mozos, nenas e nenos e tamén xente adulta.


Desenvolven actividades moi interesantes, como o de xantar a domicilio para persoas que viven soas ou son maiores, o xantar no comedor social para o que recollen as persoas maiores polos pobos, ou a vivenda comunitaria na que viven 12 persoas maiores.

Na visita tivemos ocasión de participar e axudar nas tarefas diarias do centro, repartindo as comidas na furgoneta polos pobos, recollendo ás persoas maiores para achegalas ao comedor, servindo a comida e acompañando ás maiores á vivenda comunitaria. Tamén visitamos a vivenda comunitaria, o centro de inclusión, e o albergue que está na antigua casa rectoral do pobo, coas súas salas de actividades e xogos, o tear …, os animais da granxa e a horta e o invernadoiro, o antigo comedor e cociña … 


Moitas cousas, todas moi interesantes e que dan moita vida a un pobo pequeniño como Lodoselo,  que puidemos compartir coas educadoras, terapeutas, auxiliares, cociñeiras.. do centro, en total 18 persoas que traballan neste Centro de desenvolvemento rural.

Aqui deixamos un enlace á web do centro, por se vos interesa: http://www.cdroviso.org/

De volta cara Viana paramos no Castelo de Monterrei, e tivemos a sorte de coincidir cunha visita guiada na que nos explicaron un montón de cousas interesantes da historia de este bonito sitio. Sorprendéronnos moitas cousas, como a anchura dos muros (tres metros nunha das torres), as vistas desde as torres, as historias de pantasmas, a medida exacta dunha vara marcada na parede da igrexa,  as tumbas, as marcas nas pedras de cada canteiro, ou que a igrexa estivo chea de terra para agochar as cousas de valor dos veciños cando a invasión francesa.


Ningún comentario:

Publicar un comentario