O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

martes, 1 de febreiro de 2011

¿Onde estarán... os "chicOS do coro"?

Ilda Luaces Torre, Viana do Bolo. Si, e digo chicOS, ¿por que? A estas alturas de curso, o coro escolar formado no IES Carlos Casares, conta cunha proporción de 1 rapaz fronte a 12 rapazas.  ¿Como é isto...? A conclusión rápida sería pensar que os nenos do centro non teñen un especial gusto por cantar e as nenas si. Pero o tema non é tan simple.  "Cantar é cousa de nenas" é unha afirmación semellante a "Os homes non choran" e "As mulleres non xogan ó fútbol".


¡Rapaces, rompamos con esas fronteiras sen sentido que a sociedade nos impón! ¡Rachémolas! Dentro de cada un de nós hai un cantante, un bailarín, un músic@, un artista, un deportista que está desexando expresarse. Dádelle voz, deixádeo cantar, ¡a música anima o espírito e enche o sentir! ¿Quen dixo que os homes non cantan?, cantan, bailan e soñan, igual que as mulleres, e á vez de distinta maneira. Por iso nos necesitamos os uns ós outros, para enriquecernos cos nosos diferentes modos de facer e ser.

¡Necesitámosvos!, tanto se tocades un instrumento como se simplemente queredes probar a ver como vos atopades na agrupación.

"Los chicos del coro" é un fermoso filme que conta a historia dun grupo de rapaces internados nun colexio e o seu novo mestre. A través do canto, consiguen crear un lugar para todos, unirse como grupo, establecer unha relación especial, atopar unha motivación apaixoante para a súa vida diaria. Non deixedes de vela, e non deixedes que unhas normas sen sentido vos dicten como vivir nin como actuar. ¡Cantemos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario