O Choupín dixital
A revista do IES Carlos Casares de Viana do Bolo

luns, 20 de xuño de 2011

Intercambio co IES Agra de Orzán (A Coruña) II

Andrea Sánchez, A Coruña. Os días 8 e 9 de xuño fomos todos os de 2º da ESO á Coruña, onde o pasamos xenial. O primeiro día fomos ao instituto, onde nos prepararan un festival de música e danza para nós sós. Comemos alí e fomos paseando polo Estadio do Deportivo da Coruña e a praia de Riazor.

Todo o grupo

Ás 18:30 machamos cara ao albergue de Gandarío, onde nos levamos a sorpresa de compartilo cun grupo de 6º de primaria do Barco. En canto ceamos fomos á praia mollar os pés e facer o parvo, e o pasamos xenial. De novo no albergue puxemos os pixamas e sacáronme do cuarto para cantarme o “cumpreanos feliz” e regalarme unha divertida tarxeta con dedicatorias.

Pola noite armámola boa, todos berrando e correndo polo corredor... E si, botáronnos a bronca, vinte veces como mínimo. Algúns berraban (“catuxa!!”), outros gravaban co móbil para cuarto milenio a durmidos e espertos... pero as profes pilláronos e borraron os vídeos.

Ao día seguinte fixemos un paseo pola zona vella da Coruña, a Torre de Hércules e subimos ao mirador de San Pedro, onde nos divertimos cun labirinto un pouco difícil (aínda que non imposible) para saír. Comemos no instituto e despedímonos dos compañeiros da Coruña. Pero para a miña sorpresa, antes de marchar, organizáronme unha pequena festa de aniversario, cunha peculiar torta de chucherías (que se rematou axiña), e dúas bolsiñas de gusanitos cun lazo, dende logo un agasallo orixinal!

Na viaxe de volta estabamos esgotados, pero Ilda encargouse de quitar fotos aos durmidos e antes de chegar a unhas cantas deunos por cantar, para espertar aos que durmían ou molestar aos espertos.

Quero acabar dando as grazas a Ilda e Liliana, por aturarnos tanto, porque non puideron durmir pola nosa culpa, pero aínda tiveron o detalle de levarnos unha horiña a un centro comercial. E tamén aos meus compañeiros de 2º da ESO, por facerme pasar o mellor cumpreanos da miña vida. Grazas de todo corazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario